PolíticaÚltima hora

Luís Villares, de visita en Manzaneda, pide máis financiamento para os servizos do rural

Visitaba o municipio ourensán acompañado polos deputados Davide Rodríguez e Ánxeles Cuña, e polo seu alcalde Félix Domínguez

 

Luis Villares, na súa visita a Manzaneda.

A falta de apoio da Xunta para prestar servizos básicos á poboación de Manzaneda está obrigando a este Concello a asumilos economicamente e iso limita que poda levar adiante outros investimentos. É o caso do comedor escolar, da axuda no fogar ou da residencia da terceira idade, que recaen nas arcas municipais, cando deberían ser financiados pola Administración autonómica. Era unha das cuestións que o alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez, lle transmitía ao voceiro de En Marea no Parlamento galego, Luís Villares, na visita que realizaba na mañá do 1 de marzo a este concello do oriente ourensán.

No seu percorrido, Villares estivo acompañado polos deputados da provincia Davide Rodríguez (anterior alcalde de Manzaneda) e Ánxeles Cuña, así como polo alcalde e algún concelleiro do equipo de goberno. Tras escoitar ao actual rexedor Villares comprometíase a demandar ao goberno galego “que achegue un maior financiamento para a prestación de servizos no rural e que faga unha discriminación positiva na distribución orzamentaria para fixar poboación nestas zonas, pois casos coma o de Manzaneda, que ten hoxe doce nenos máis ca hai dez anos, demostran a efectividade das políticas activas de dinamización económica e demográfica na montaña”.

Pola súa banda, Davide Rodríguez apuntaba que neste concello “nos últimos anos xurdiron unha ducia de proxectos empresariais promovidos por xente moza que decidiu fixar a súa residencia en Manzaneda e somos un dos concellos de Galicia con maior investimento en cultura por habitante, algo fundamental para facer atractiva esta zona como lugar para vivir e para visitar”.

En Marea xa trasladou ao Parlamento de Galicia iniciativas relacionadas como a zona para conquerir o traspaso da OU-701 da Deputación de Ourense á Xunta e lograr así unha mellor conservación da principal estrada de acceso ó concello, que require obras urxentes de mellora e recolleu a demanda do concello de solicitar a xestión pública para a Estación de Montaña de Manzaneda.

Axudas para a conservación do casco histórico medieval, ciclos formativos adaptados á actividade da zona e a modificación da normativa que impide o pastoreo en terreos queimados durante tres anos foron outras das demandas tarsladadas polos representantes do concello de Manzaneda a En Marea.

Pola tarde Luís Villares e mailos deputados Ánxeles Cuña e Davide Rodríguez trasladaranse a Xinzo de Limia para coñecer de primeira man as principais preocupacións dos produtores da IXP Pataca de Galicia perante a praga que afecta ó tubérculo no norte da comunidade.

Artigos relacionados

Back to top button