En portadaÚltima hora

O lume de Viana continúa, pero sen perigo para os pobos

Na pasada noite a chuvia evitaba que o incendio chegase ata a poboación de Fornelos de Filloás

 

Incendio en Viana do Bolo na pasada noite./ Foto: Carlos G. Hervella.

Cun pouco máis de tranquilidade respiran en Viana do Bolo, tras outra noite tensa na que estiveron moi pendentes do lume e loitando para evitar que chegase ao pobo de Fornelos de Filloás. Finalmente a chegada da chuvia freou un incendio que, comezaba na Gudiña o domingo, e tras ameazar outras poboacións vianesas como Pradocabalos, Castro, Bembibre e Fradelo, pola noite ía directo ata Fornelos.

“Ao redor das catro ou cinco da mañá empezou a chover e esa foi a forma de paralo porque había unha liña de lume que ía pola zona da presa das Portas cara Fornelos e outra pola zona de Fradelo. Se non tivese chovido seguramente tería ardido todo”, comenta o tenente de alcalde de Viana do Bolo, Santiago Barja, que leva dúas noites seguindo a pé de monte este devastador incendio que leva queimadas milleiros de hectáreas nesta zona do oriente ourensán.

 

Monte arrasado na zona vianesa de Fradelo, tras o paso do lume onte./ Foto cedida.

 

Ao mediodía de hoxe o lume continúa, pero “agora a situación está mellor, xa o temos máis ou menos perimetrado e estamos vixiantes para evitar que volva a descontrolarse”, explica. Tamén conta que a paisaxe que as chamas deixaban ao seu paso é desoladora. “Dá pena ver como quedou todo o monte, pero aínda así temos que agradecer que afortunamente non houbo desgrazas persoais”.

Santiago Barja resalta a importancia da colaboración cidadá, dos voluntarios que se sumaron ás tarefas de extinción e que permitiron frear o lume, xa que os medios de que dispoñían eran limitados dada a situación que vivía Galicia na xornada de onte. “Temos que agracecer a gran colaboración cidadá que houbo, foi moi grande, houbo moita xente nova que se prestou, veu ao monte e meteuse a apagar o lume, involucráronse moitísimo. Esa axuda valeunos moito”.

Máis información sobre os lumes:
https://osil.info/provincia-segue-ardendo/

Artigos relacionados

Back to top button