ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Lume no corazón do Macizo Central Ourensán

A provincia de Ourense continúa a ser pasto da chamas, pero tamén o resto de Galicia. Desta volta a zona ourensá máis afectada é a do entorno de Maceda e Montederramo, onde parece ser que o lume chegou ata o espazo natural do Bidueiral. Este incendio forestal afecta tamén, segundo vén de facer público a Consellería do Medio Rural, ao termo municipal de Vilar de Barrio.

O lume empezou ás 01:01 horas desta madrugada e no seu control actúan nestes momentos 1 técnico, 6 axentes, 9 brigadas, 12 motobombas, 2 pas e 1 helicóptero. Colaboran ademais efectivos da UME (Unidade Militar de Emerxencias).

 

 

A este súmanse unha gran cantidade de lumes nas provincia de Coruña, Lugo, Pontevedra e mesmo en Portugal nas proximidades coa fronteira ourensá. Neste senso a Consellería do Medio Rural emitía esta mañá un comunicado no que aseguraba que “Galicia está a sufrir nas últimas horas unha elevada actividade incendiaria, con clara intencionalidade e virulencia, de forma que se rexistraron ata 80 incendios na nosa comunidade desde o día de onte. Ademais, hai incendios en Portugal que están preto da fronteira con Galicia e que obrigan aos medios da nosa comunidade a multiplicar os seus esforzos para evitar que nos afecten. Xunto co reforzo dos traballos de extinción, estase a intensificar a vixilancia policial nos diferentes puntos, para atallar a actividade incendiaria”.

Neste senso, a Consellería do Medio Rural fai “un chamamento á cidadanía para que denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teñan coñecemento e que alerten a través do número gratuíto 085 dos incendios que localice”. Tamén fai un “chamamento á responsabilidade e prudencia da poboación, para que sigan as indicacións dos corpos e forzas de seguridade do Estado e faciliten o traballo dos medios de extinción”.

Artigos relacionados

Back to top button