Magín Blanco e Marián Bañobre conquistan aos escolares do Barco de Valdeorras

Máis de cincocentos alumnos de Primaria asistiron ao espectáculo “O camiño dos paxaros” no Teatro Lauro Olmo

En dúas sesións, unha ás 10 e outra ás 12, máis de cincocentos alumnos de Primaria do Barco de Valdeorras desfrutaron do novo espectáculo infantil do cantautor rues Magín Blanco, “O camiño dos paxaros”.

Primeiro foron os cativos dos colexios de Educación Infantil e Primaria Divina Pastora e Julio Gurriarán os que asistían á representación dunha historia de superación persoal, contada a través da música e da interpretación, baseada na evolución dun personaxe que debe afrontar a dureza da vida, e loitar para coñecer os seus sentimentos e descubrir cal é o camiño que debe seguir para conseguir a felicidade. Despois tocaríalle o turno aos alumnos do CEIP Condesa de Fenosa e Ramón Otero Pedrayo de Viloira.

Con Marián Bañobre e o propio Magín Blanco sobre o escenario, “O camiño dos paxaros” narra a historia dun neno namorado da música que nun luminoso verán, goza do amor e dos bailes da súa nai. Cando esta deixa de respirar, no escuro outono, déixalle como legado unha caixiña, que lle é arrebatada por un paxaro que voa cara latitudes máis cálidas. No frío inverno, inventores e inventoras dos lugares máis afastados veñen tratar de consolar ao neno cos agasallos máis incribles, mais el non atopa a luz en ningún deles. Ata que coas primeiras raiolas de sol da primavera, volven as aves, e con elas o paxaro que trae a caixiña no seu peteiro. Ao abrila, o neno atopa o camiño de cores que guiará os seus pasos.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies