ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Máis de 200 persoas celebran a Asunción na Alberguería (A Veiga)

A localidade desaparecida tras a creación do encoro de Prada celebra a súa xuntanza anual cunha misa, xantar popular e música

O espíritu da Alberguería (A Veiga) revivía hoxe cos festexos da Asunción. Como cada 15 de agosto, os veciños daquel pobo que desapareceu en 1958 tras a construción do encoro de Prada volveron xuntarse nas súas inmediacións. En total, 240 persoas se reuniron neste entorno para gozar dun día de festa que incluíu misa e procesión, xantar popular e música.

Arredor das 13 horas, os asistentes participaron nos eventos litúrxicos, que comezaron cunha procesión e posterior misa para celebrar a Asunción da Virxe María. Logo, nas vellas instalacións da empresa do encoro tivo lugar o xantar popular, onde as familias se reuniron para degustar ben os seus propios menús, ben unhas racións de pulpo á feira. Posteriormente, houbo momento para o espectáculo da queimada, a cargo de Franco -o bruxo da Alberguería-, e para o baile coa charanga Os Imparables.

Entre os asistentes tamén estivo Cristina Canelas Fernández, que aos seus 96 anos continúa participando na xuntanza anual do pobo da Alberguería. É das máis vencelladas a este lugar, posto que ela aínda é descendente dos que viviron na localidade antes da construción hidráulica. Estivo acompañada polas súas fillas Teresa e Rosa Paradelo Canelas, entre outros familiares.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button