OurenseÚltima hora

Máis de 340.000 euros para cultura, deporte, infraestruturas e benestar

As inversións foron aprobadas durante a última xunta de goberno da Deputación de Ourense
Montserrat Lama.
Montserrat Lama.

A Deputación  de Ourense destina 343.086,25 euros a temas de cultura, deporte, infraestruturas e benestar tras a última xunta de goberno celebrada na mañá do 20 de outubro no Pazo Provincial. A cifra dividirase en axudas a asociacións e concellos de toda a provincia. Deu conta de todo isto a deputada de Transparencia e Goberno Aberto do ente provincial, Montserrat Lama.

As cantidades en materia de cooperación recaerán en colectivos como a Asociación Cultural da Castaña, a Asociación de Diminuídos Psíquicos de Valdeorras (Asfaval) e a Fundación Carlos Casares. En total esta partida suma 45.000 euros.

No eido deportivo, a Deputación investirá 12.000 euros en axudas para a Escudaría Ourense, e ratificou o convenio de colaboración entre a Federación Galega de Judo e Disciplinas Asociadas e a Deputación para a posta en marcha e co-financiamento dunha escola provincial de base de judo.

En cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno destinará apoio económico a Bande, Sarreaus, Baños de Molgas, Beade, Carballeda de Avia, Cartelle e Castrelo de Val, así como a Celanova, Lobeira, Monterrei, Paderne de Allariz, e Xinzo de Limia. Ademais, o ente provincial aprobou a lista de adhesións ao convenio de cooperación entre a Deputación e os concellos da provincia para a prestación do servizo de inspección dos tributos municipais no que se incluirían Carballeda de Valdeorras e O Irixo.

Artigos relacionados

Back to top button