DeportesÚltima hora

Máis de corenta pilotos participarán no segundo RallyMix de Piñor

O evento deportivo, enmarcado dentro da Federación Galega de de Automobilismo, celebrarase os días 19 e 20 de agosto
Cándido Carrera, Ignacio J. Davila, José Luis González, Juan Anta e Iván Corral.

A segunda edición do RallyMix do Concello de Piñor contará con máis de 40 pilotos que, durante os días 19 e 20 de agosto, participarán nesta competición que forma parte do calendario da Federación Galega de Automobilismo, na especialidade de Rallymix.

A presentación desta cita deportiva tivo lugar hoxe, 16 de agosto, no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o alcalde de Piñor, José Luis González; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral; o presidente da Escudaría MixRallyeSports e director da proba, Ignacio J. Davila; e o xefe de seguridade da proba, Cándido Carrera.

Na presentación de hoxe, 16 de agosto, o deputado provincial de Deportes lembrou a “tradición automobilística” da provincia de Ourense e a gran capacidade de convocatoria que teñen “estes eventos que atraen a numerosos afeccionados do mundo do motor”. Nese mesmo senso, o presidente da Asociación Galega de Automobilismo, Iván Corral, lembrou que Ourense é “a provincia de referencia do automobilismo en España” e esta modalidade de Rallymix, “que vimos de implantar recentemente, só existe en Galicia a nivel nacional”.

Pola súa parte, o alcalde de Piñor, José Luis González, destacou “a importante repercusión económica que supón para o noso municipio e para os concellos limítrofes, desenvolver esta proba automobilística”, e engadiu “tamén nos permite dar a coñecer o noso territorio aos asistentes que veñen de fóra de Galicia”.

As novidades que presenta esta segunda edición son “o cambio de data para evitar as inclemencias meteorolóxicas que sufrimos o ano pasado e os cambios realizados no trazado para achegalo ao centro do Concello”, dixo José Luis González.

O tramo cronometrado é mixto cun total de 8,4 quilómetros dos cales 4,45 quilómetros son de asfalto e 3,95 quilómetros son de terra. “Ata o momento contamos con 42 pilotos inscritos na proba aínda que esperamos chegar aos 50, superando así os 31 participantes da pasada edición. Os equipos inscritos proceden de tódolos puntos de Galicia, do Norte de Portugal, Castela e León, Cantabria e Asturias”, explicou o director da proba, Ignacio J. Davila.

O evento comezará pola mañá o sábado, 19 de agosto, coas verificacións administrativas e técnicas e os recoñecementos, para arrancar coa competición, ás 12:15 horas, disputando tres mangas cronometradas seguidas. O domingo, 20 de agosto, a competición comezará ás 10:00 horas disputándose dúas mangas cronometradas. A entrega de premio realizarase sobre as 16:30 horas. O parque de asistencia estará no Campo de Fútbol do Reino.

Artigos relacionados

Back to top button