ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Máis dun cento de peregrinos bercianos percorren Valdeorras na III etapa do Camiño de Inverno

O acto está organizado pola Asociación do Camiño de Santiago de Inverno polo Bierzo

“Santiago de Compostela superou hoxe, 22 de outubro, a cifra de peregrinos chegados durante todo o ano 2015, acadando os 262.913”. O día en que dende a Xunta de Galicia facían público este dato, máis dun cento de peregrinos do Bierzo e tamén de Valdeorras, completaban a III etapa do Camiño de Inverno, dende Puente de Domingo Flórez ata Vilamartín, cuns 23 quilómetros de distancia.

A primeira etapa, dende Ponferrada ata Borrenes, tiña lugar no mes de xullo contando coa asistencia na saída, de Luis del Olmo. O 24 de setembro, levábase a cabo a segunda etapa entre Borrenes e Puente de Domingo Flórez, e xa o 22 de outubro realizaban a terceira.

En torno ás 9 da mañá, 110 peregrinos comezaban o percorrido adentrándose en terras valdeorresas onde foron recibidos polos responsables municipais dos diferentes concellos. A primeira parada tiña lugar en Sobradelo coa recepción e saúdo da alcaldesa, Mª Carmen González. A segunda era na praza do Concello do Barco de Valdeorras, sendo recibidos pola concelleira de Turismo. Irene Dacal. A terceira e última parada da etapa tiña lugar no centro social Santa Lucía de Vilamartín de Valdeorras, local cedido polo Concello para xantar. O propio alcalde do municipio, Enrique Barreiro, acompañaba aos camiñantes durante todo o percorrido.

Con esta peregrinación por etapas, a Asociación do Camiño de Santiago de Inverno polo Bierzo, presidida por Saturno Astandoa, pretende por en valor e promocionar este tramo da ruta xacobea. Entre os obxectivos principias da asociación que aglutina maioritariamente a hostaleiros e restauradores, está lograr o recoñecemento oficial da Junta de Castilla y León, seguindo os pasos da parte galega do Camiño.

A IV etapa da peregrinación, dende Vilamartín de Valdeorras, está prevista para o vindeiro 19 de novembro.

Fotos: Mónica G. Bellver /Miguel.

Artigos relacionados

Back to top button