ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Malcavada abre a XXXV Feira do Viño de Amandi

Na mostra poden degustarse os caldos de 22 adegas de Sober, pertencente á D.O. Ribeira Sacra

Durante esta fin de semana Sober está a ser un punto de encontro de afeccionados e profesionais do mundo do viño. No mediodía do sábado 28 de marzo abría as súas portas o recinto da XXXV Feira do Viño de Amandi, instalado na praza do Concello, coa participación de 22 adegas deste municipio lucense, amparadas pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

A apertura oficial corría a cargo, nesta ocasión, de representantes da Adega Malcavada de Rosende, nun xesto de lembranza ao seu fundador, Antonio Vázquez. Xunto a elas estaban o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

De seguido, soaba a música do grupo tradicional do Agadic e o público comezaba a percorrer os diferentes expositores do recinto das adegas A Man de Prado (Bolmente), Algueira (Doade), As Muras e Barbado (Proendos), Cividade (Outeiro-Bolmente), Cruceiro e Décima (Vilachá-Doade), Don Bernardino (Cimadevila-Brosmos), Estrela (Vilachá-Doade), Guímaro (Samil-Brosmos), Lucenza (Corbelle-Proendos), Marcelino I (A Carqueixa-Proendos), Proencia (Sansillao-Proendos), Rectoral de Amandi (Igrexa-Amandi), Regina Viarum (Doade), Surga I (Lobios), Val da Lenda (Cantón-Amandi), Viña Ferreiro (Camilo-Bolmente), Viña Cazoga (O Pacio-Amandi), Viña Peón (O Barrio-Figueroá), Viña Regueiral (A Cal-Barantes) e a xa mencionada Malcavada (Rosende).

Pola tarde tiña lugar a retransmisión en directo dende a mesma praza do Concello do programa da TVG “Aquí Galicia” con entrevistas e actuacións musicais. Ademais desenvolvíase a precata oficial na sala de catas do Centro Sociocultural de Sober, así como o concerto da Banda de Música de Sober, entre outras actuacións.

A mostra continuará o domingo 29 de marzo coa apertura do recinto e tamén con animación musical da Charanga NBA, cun pasarrúas a cargo da Banda de Música de Sober, coa cata final dos viños da feira, así como co pregón ás 13h. a cargo de Enrique Cerezo Torres, presidente do Atlético de Madrid. De seguido, procederase á entrega de premios aos adegueiros.

Xa pola tarde soará de novo o ritmo da Charanga NBA e a partires das 19:30h. haberá baile coa orquestra Los Satélites.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Concello de Sober

Artigos relacionados

Back to top button