PolíticaÚltima hora

“Hai que manter a área sanitaria de Valdeorras como primeiro paso”

A deputada nacionalista Noa Presas vén de reunirse coa Xunta de Persoal do HCV para valorar o anteproxecto de reforma da Lei de Saúde
A deputada nacionalista Noa Presas, na rolda de prensa no exterior do HCV no Barco./ Foto: A.R.

Apenas un día despois da reactivación da Plataforma Sanitaria de Valdeorras, a deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, visitaba o Hospital Comarcal Valdeorras (HCV) no Barco e reuníase coa súa Xunta de Persoal para valorar o anteproxecto de lei polo que se modifica a Lei 8/2008 de Saúde de Galicia, presentado pola Xunta “sen diálogo nin avaliación previa da área ourensá”.

Comparecía despois ante os medios de comunicación no exterior do centro hospitalario valdeorrés asegurando que o BNG será “un altofalante” ante a problemática que xerará na sanidade ourensá este anteproxecto normativo. “Apoiaremos a esa veciñanza que xa onte empezou a mobilizarse e continuaremos defendendo esta cuestión nada máis se inicie a actividade parlamentar. Xa temos iniciativas rexistradas no Parlamento galego e chamamos a todos os veciños/as a que non se conformen porque hai que manter a área sanitaria de Valdeorras como primeiro paso para manter tanto a autonomía deste hospital comarcal, como a súa dotación, e que dende logo o que se faga sexa mellorar os servizos e non seguir desprazando poboación cara Ourense e máis aínda nun contexto no que estamos, nunha semana de novidades no plan de transporte de Galiza que continúa sen racionalizar o que son os accesos aos tres hospitais de cabeceira da nosa provincia”.

Noa Presas aseguraba que “a Xunta é irresponsábel por trazar liñas que avanzan na centralización da sanidade e na consolidación dun modelo, as EOXI, que ninguén avaliou se funcionan ou non” e trasmitía a preocupación do BNG porque esta operación “abre a porta a desmantelar os Hospitais de Verín e Valdeorras, reducir aínda máis a súa capacidade de atender especialidades e acabar forzando á poboación a desprazamentos custosos que suporán un lastre na súa saúde e unha redución dos tempos de diagnóstico”.

Noa Presas, con membros da Xunta de Persoal do HCV e representantes do BNG e Galiza Nova en Valdeorras./ Foto: A.R.

Insistía en que “a figura do distrito, no que queren converter Valdeorras, non ten a máis mínima garantía pois é só unha división nominal e territorial e polo tanto da ao Consello da Xunta carta branca para desmantelar paulatinamente calquera hospital comarcal, como acontece co do Barco”.

Presas adiantaba que o BNG levará ao Parlamento Galego e aos concellos (a través de mocións) a retirada do anteproxecto, o mantemento da área sanitaria de Valdeorras e un “Plan de reforzo da Atención Primaria para garantir que este servizo se presta no rural ourensá en condicións dignas para ser porta de entrada do sistema sanitario e mellorar a saúde global da poboación. Así mesmo, desde o BNG remarcaron tamén que o novo Plan de Transporte da Xunta non supón a mellora das comunicacións co Hospital barquense, que tamén será un dos temas que levarán á Cámara galega.

A deputada Noa Presas, na xuntanza mantida coa Xunta de Persoal do HCV./ Foto cedida.

Artigos relacionados

Back to top button