DeportesGalerías de fotosÚltima hora

I Marcha Memorial Anxo de Sousa Pérez, o 19 de marzo na Rúa

Terá un carácter solidario e o recaudado destinarase á Fundación Andrea

Cun carácter solidario nace a Marcha Memorial Anxo de Sousa Pérez, programada para o 19 de marzo na Rúa. Esta iniciativa deportiva está promovida polo Club Atletismo Rúa, pero detrás dela está a implicación da peña FMF (Fai Moito Fume), así como dun cento de establecementos comerciais de dentro e fóra da comarca, de clubs deportivos e de centros de educación valdeorreses e de Quiroga.

“O obxectivo é recaudar fondos para a Fundación Andrea de apoio a nenos con enfermidades de longa duración crónicas ou terminais”, explicaba o vicepresidente do Club Atletismo Rúa, Fernando Navarro, durante a presentación da proba na mañá do 11 de marzo na Casa da Cultura da Rúa.

Nesta marcha, que carece de carácter competitivo e que rematará no Miradoiro do Barranco Rubio, poden participar camiñantes e bicicletas, percorrendo un trazado que seguirá o camiño das covas ata chegar ao barranco. En total será un traxecto de 5 km. Tamén poderán realizar a marcha vehículos a motor, se ben neste caso o seu percorrido será diferente. A saída darase ás 16:30h. dende a praza de Fontei.

As inscricións, cun prezo de 10 euros (cantidade que será doada á citada fundación), deberán realizarse online a través da web do club http://atletismorua.weebly.com/ ou ben en tendas deportivas da Rúa e do Barco.

A marcha leva o nome dun rapaz rues que recibiu o apoio da Fundación Andrea durante a sua enfermidade, e que, desgraciadamente, non puido recuperarse dela. Na presentación, a súa irmá, Noelia, agradecía o respaldo da fundación. “Nós vivimos en primeira persoa o labor que desenvolve e queremos amosarlle o noso agradecemento”.

Ao acto de presentación tamén asistía o concelleiro rues Avelino Fernández, quen expresaba o apoio do Concello rues a esta iniciativa solidaria e matizaba que se ía colaborar no apartado loxístico da mesma.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button