EconomíaEconomíaÚltima hora

Maridaxe de carnes autóctonas e viños de Valdeorras, no Hotel El Ciervo de Xares

Esta será a primeira dunha serie de xornadas gastronómicas que este establecemento de hostalaría veigués pretende levar a cabo neste ano
Exterior das instalacións do Hotel El Ciervo de Xares (A Veiga)./ Foto: Carlos G. Hervella.
Exterior das instalacións do Hotel El Ciervo de Xares (A Veiga)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Carne de razas autóctonas galegas de vaca, acompañada con viños da Denominación de Orixe Valdeorras. É a proposta que lanza o Hotel El Ciervo de Xares (A Veiga) nunha xornada gastronómica que se celebrará o 25 de xullo a partires das 20:30h e na que poderán participar un máximo de 50 comensais.

Serviranse en total tres tipos de carne das razas galegas Cachena, Vianesa e Caldelá, xunto coa Maronesa, propia do norte de Portugal. “Será unha presentación á brasa e acompañada coa súas correspondentes guarnicións”, explica o xerente do Hotel El Ciervo, Julián Pena. Os pratos estarán maridados ademais con catro caldos valdeorreses.

Así a carne de Cachena acompañarase co godello Gaba do Xil de Telmo Rodríguez e as outra tres coas garnachas Perdida de Larouco, da Coroa (A Rúa) e coa de José Luis Aristegui (A Rúa). “A idea é mellorar e romper os mitos e paradigmas que hai con respecto á cociña galega, de aí por exemplo a combinación entre un godello e un prato de carne. E facelo con pautas simples, pero con calidade”, indican dende o Hotel El Ciervo. As persoas interesadas poder ampliar información ou facer as súas reservas no teléfono 988 350237.

O xerente do Hotel El Ciervo de Xares, Julián Pena, durante a presentación da xornada./ Foto: Carlos G. Hervella.
O xerente do Hotel El Ciervo de Xares, Julián Pena, durante a presentación da xornada./ Foto: Carlos G. Hervella.

Esta será ademais a primeira dunha serie de xornadas gastronómicas que pretende desenvolver ao longo deste ano este establecemento de hostalaría valdeorrés. “A parte de con carnes autóctonas, tamén pretendemos facelo con carne de caza e con produtos do mar e incluíndo licores da zona, cervexas, postres… Queremos abranguer todo o espectro da cociña galega, que é moi variado”, asegura Julián Pena.

Ademais o Hotel El Ciervo está a traballar para renovar as súas instalacións co fin de ofrecer un mellor servizo e ampliar o abano de actividades que ofrece con proxectos como a creación dun campo para tiro ao plato olímpico.

Texto: A.R. Fotos: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button