CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Marisol Díaz visita a Escola de Arte “Antonio Faílde” co gallo do seu 30 aniversario

O director da escola, César Taboada, ensinoulle as instalacións á delegada e coñeceu aos alumnos
Cesar Taboada e Marisol Díaz.

A Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Antonio Faílde de Ourense celebra este ano o seu 30 aniversario. Con motivo desta efeméride a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe, 20 de xuño, este centro, acompañada da xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Luz Fernández Quintas e do seu director, César Taboada Varela.

Díaz Mouteira coñeceu de preto as instalacións desta Escola e as disciplinas que nela se imparten. No curso que agora remata estiveron matriculados un total 266 alumnos que cursan os ciclos formativos que ofrece o centro de grado medio e superior en Ensinanzas Superiores de Deseño, equivalente ao grao en Deseño gráfico e Interiores, e Ensinanzas Profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

O director da EASD Antonio Faílde, César Taboada, informoulle á delegada territorial que será o centro ourensán o responsable de organizar a vindeira edición dos Premios Mestre. Este galardón é considerado o máximo recoñecemento a nivel estatal en Escolas de Arte. O pasado mes de maio unha alumna deste centro, Ledicia Veloso, recibiu o Primeiro Premio na categoría de Traballos de Fin de Estudos da sexta edición dos Premios Mestre 2017, nunha cerimonia que se desenvolveu en Tenerife.

Na Escola de Arte de Ourense impártense Ensinanzas Superiores de Deseño, nas disciplinas de Deseño gráfico e Deseño de interiores; e Ensinanzas Profesionais de Artes Plásticas e deseño, en Ebanistería artística, Fotografía e Ilustración.

Os alumnos da escola teñen participado neste curso en múltiples exposicións organizadas por galerías de arte prestixiosas de todo o mundo. Mesmo a semana pasada as obras dos mozos creadores deste centro puideron ser contempladas na 7ªTrienal Internacional de Estudantes que se desenvolveu en Estambul, onde compartiron espazo con creacións de alumnos de centros de Italia, Canadá, Romanía, Brasil, entre outros. De España só acudiu a esta cita artística o centro ourensán “Antonio Faílde”.

A delegada da Xunta coñeceu as instalacións da escola.

Artigos relacionados

Back to top button