EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Master of Wine Angela Muir cata godellos e mencías valdeorreses

Está a realizar unha visita polas denominacións de orixe ourensás acompañada por tres estudantes do Reino Unido
Ángela Muir, acompañada dos seus alumnos, na D.O. Ribeiro.
Ángela Muir, acompañada dos seus alumnos, na D.O. Ribeiro.

En abril do pasado ano un numeroso grupo de Masters of Wine (considerados a élite mundial no sector do viño) realizaban unha completa viaxe polas denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia. Isto permitíalles achegarse e afondar no coñecemento destas zonas produtivas e dos seus viños. Entre as participantes nese percorrido estaba a británica Angela Muir, pertencente asemade á Gran Orde dos Cabaleiros do Viño. Neste outono regresaba a terras ourensás acompañada por tres xoves profesionais do mundo do viño, que obtiveron unha beca promovida pola citada institución: Arthur Verdin, James Penson e Lauren Denyer.

Entre as zonas que visitaban estaba a do Ribeiro, onde probaron os viños de máis de 30 adegas e paseaban polos seus viñedos. “É como un oasis de diversidade, aromas e froitas, rodeado de zonas onde os monovarietais son a norma. Estes viños, todos dun alto nivel, diferéncianse pola súa mestura de variedades, facéndoos únicos e orixinais”, sinalaba Muir.

A Master of Wine e os seus alumnos, catando viños na sede do Consello Regulador da D.O. Valdeorras.
A Master of Wine e os seus alumnos, catando viños na sede do Consello Regulador da D.O. Valdeorras.

Ademais desprazábanse ata a Denominación de Orixe Valdeorras. Alí eran recibidos polo presidente do Consello Regulador, Francisco García, e cataban godellos e mencías da colleita do 2015. Ao longo da xornada, podían asemade ver as instalacións das adegas Valdesil e Rafael Palacios. Francisco García poñía en valor o traballo destes profesionais de cara a “favorecer a promoción das rexións vinícolas que visitan e a difusión dos seus produtos” e confía en que podan “reportar detalladamente as singularidades dos viños da comarca para que sexan coñecidas por diferentes públicos obxectivo”.

Artigos relacionados

Back to top button