EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Medio cento de referencias no Túnel do Viño de Monterrei en Ourense

Nesta iniciativa,  dirixida polo sumiller Luís Paadín, participaban 19 das 25 adegas desta denominación de orixe

O Centro Cultural da Deputación de Ourense vén de acoller na tarde do 18 de abril un Túnel do Viño da Denominación de Orixe Monterrei con medio cento de referencias. Esta actividade, na que participaban 18 das 25 adegas amparadas por esta D.O., estaba destinada a hostaleiros, sumilleres, distribuídores, prensa, docentes e alumnos de escolas de hostalaría.

Ao longo de tres horas e media, os asistentes tiñan a oportunidade de catar viños de diferentes colleitas, tamén de diversas variedades de Monterrei (como a godello, a mencía, a dona branca ou a araúxa) e de solos distintos (de lousa, graníticos e sedimentarios), segundo explicaba o sumiller Luis Paadín, que dirixía este túnel do viño. Paadín é o director da “Guía de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia”, que vén de ser recoñecida como un dos 10 mellores libros de viño de todo o o mundo polo xurado internacional dos Gourmand Book Awards.

Ademais o túnel complementábase con paneis con información complementaria sobre a denominación de orixe, os seus solos, climatoloxía, castes ou historia, ademais de cunha mostra fotográfica de lagares rupestres da comarca de Monterrei.

Esta xornada en Ourense forma parte dunha iniciativa de promoción itinerante dos viños de Monterrei que percorrerá nas vindeiras semanas varias cidades españolas, tal e como se adiante dende o seu consello regulador, que preside José Antonio Da Silva.

Fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button