“A memoria viva é contar contos”

Paula Carballeira, narradora, actriz e escritora, encetaba o 30 de xuño o ciclo “De Perto” no Barco con “Os contos que non me contaron”

A actriz e narradora oral Paula Carballeira, no Malecón do Barco./ Foto: A.R.

De nena non lle contaban contos na casa. Aínda así Paula Carballeira sempre se sentíu atraíada pola maxia das historias. E a elas comezou asomándose a través da literatura escrita. Xa de maior, converteuse en contadora deses relatos que lía nos libros. Curiosamente era a partir de entón cando os contos propios da súa comarca lle empezaban a chegar. “Xa levo moitos anos contando e cada vez que vou á miña terra, a Maniños (Fene), a xente dalí cóntanme contos. Nunca é tarde”, asegura.

Desas historias escritas coas que se iniciaba na narración oral, pero tamén das recollidas na tradición oral, nútrese o espectáculo “Os contos que non me contaron”, co que Carballeira abría o 30 de xuño o quinto ciclo “De Perto” no Barco. Momentos antes de subirse ao escenario do Teatro Lauro Olmo, conversaba co Periódico O Sil sobre contos, transmisión, oralidade e memoria. “Nós vimos dunha sociedade na que aínda a transmisión oral está moi presente”, apunta.

– Como se converteu en contadora?
Empecei co público infantil. Traballaba nunha biblioteca e, a parte de actividades de animación á lectura, a min interesábame moito compartir historias cos nenos/as e aí empecei a contar. Nesa época xa estaba relacionada co mundo da literatura infantil e xuvenil, estudaba filoloxía, estaba no teatro, en varios ámbitos… e cadrou que empezou o boom da narración oral en España, do que serían os contacontos para adultos e para nenos, pero a nivel non só estatal, senón europeo case. E así empecei a contar para todos os públicos e non só en Galicia, tamén fóra.

– Que diferenza hai entre contar para nenos e para maiores?
En ambos casos cóntanse historias, o que pasa é que a traxectoria vital do público é diferente e iso hai que telo presente á hora de contar, á hora de escoller as palabras, os argumentos, o tipo de narracións que poden interesar. Ademais están as características propias dos nenos e das nenas, que cada día cambian segundo o lugar onde vivan, as referencias que teñan… Eu como adulta estou máis afeita a que esas mudanzas vaian conmigo, pero no público infantil estás continuamente aprendendo o que acontece. Eu non concibo contar se non conto tamén para nenos. Creo que se ten que contar para todos os públicos, despois ao mellor sénteste máis cómoda cun público ou con outro, pero hai que probar. En cada idade tes unhas referencias distintas, unha experiencia distinta, e todo iso confórmate como narradora.

– Como ten ido seleccionando os contos que forman parte das súas actuacións?
Este espectáculo que traio ao Barco, “Os contos que non me contaron”, fala diso. Eu son da zona de Maniños, unha parroquia de Ferrolterra, unha zona que non é urbana nin é rural, e pertenzo a unha xeración na que xa non se contaban contos na casa. E a parte cadra que na miña familia tampouco lles gustaba moito contar contos, preferían as historias de vida, cancións… E como a min sempre me interesou ese universo da narración, pois empecei polos libros. Cando comecei eu a contar, como non tiña moitas experiencias de narración oral, tamén partín dos libros; pero agora, que xa levo moitos anos contando, cada vez que vou á miña terra a xente dalí cóntanme contos. Nunca é tarde e dende hai uns anos estou recuperando contos tradicionais de Galicia en xeral, e cada vez máis da miña zona porque mos contan e aí sempre hai algo que che chega moito.

– É dicir que o seu foi realmente unha volta á oralidade…
Efectivamente, empecei recollendo da escritura e agora cada vez máis recollo da oralidade. Penso que iso ten moito que ver cun tema que a min me preocupa moito últimamente que é o da memoria, o de lembrar quen somos, dunha memoria viva, porque se lembramos quen somos a través da escritura algo falla, queda aí como encaixado. A memoria viva é contar contos, falar, isto de que utilicemos unha lingua, toda esta serie de cousas…

– Que implica a narración oral na linguaxe fronte á escrita?
O que está escrito podes volver a lelo en calquera momento, está aí, e se hai algo que non entendiches, podes volver a atrás. En cambio a narración oral é algo que acontece no momento, estás escoitando e estás seguindo o conto, non podes volver a atrás. E a persoa que conta ten que ser moi consciente diso, por iso a historia ha de ser sinxela, cun fío fácil de seguir. E logo a beleza da oralidade tamén está nas imaxes, traballar moito con metáforas, con referentes que todo o mundo temos… Xógase coas repeticións e iso dá un ritmo moi claro da linguaxe oral, a comunicación directa co público. Podes interromper, preguntar…

– A sociedade actual está marcada polas tecnoloxías, polo mundo dixital, sen embargo mantense o interese por escoitar contos, ¿por que?
É que estamos falando dunha memoria ancestral, da memoria do colectivo, do pobo, por iso segue funcionando tanto que aos rapaces cando lles dis vou contar un conto, inmediatamente entran na ficción porque nela hai algo que lles pode axudar a comprender a realidade. Non é que eles sexan conscientes diso, pero é así. Segue funcionando e resulta moi diferente o feito de contar contos a outros feitos como o monólogo cómico, como a animación infantil, os espectáculos de teatro… Están relacionados, sen embargo non son o mesmo e o público recíbeo como distinto. Nos contos case sempre hai unha atención diferente porque sabes que por moi divertido, por moi ameno, por moi cómico que pareza, hai algo que che vai quedar, un pouso distinto…

 

Paula Carballeira nun dos momentos da súa actuación no Barco./ Foto: Carlos G. Hevella.

– Cambiou moito no tempo que leva contando a forma na que o público responde aos contos?
Si, sobre todo á hora de poñerse diante cun contador. A xente vai con curiosidade, dicindo qué é isto?. Cando eu empecei non era así, aínda estaba máis viva a referencia oral, iso foi cambiando porque tamén a sociedade foi cambiando. Agora xa tamén nós mesmos non lle dedicamos tanto tempo a pausarnos, a escoitar algo, sexa o que sexa, nótase moitísimo a falta de paciencia, a falta de escoita e é normal porque vivimos nun mundo onde non se escoita, non temos paciencia para mesmo para ler. Lemos microcontos, porque xa un conto, unha novela, é moitísimo! E entón claro os rapaces beben de todo iso.

– Que tipo de historias lle interesan máis ao público?
Hai grandes temas e logo temas que cada vez se piden máis, que son os hits da narración oral: os contos de terror ou os contos eróticos. Eu tiro máis polo terror, porque os contos de medo lémbranme moitas cousas. E ese tipo de historias funcionan para moitas idades, fálannos desta relación entre a vida e a morte, dos grandes temas, pero tamén temos moitos contos de medo na tradición galega moi humorísticos, estamos aí sempre relativizando todo, entón boto moita man deles… Ademais conto moito conto tradicional de aquí para adultos e aos nenos intento abrirlles un pouquiño as miras, falo doutras culturas, doutras tradicións, que vexan que grande é o mundo, que hai máis alá do que ven na tv, outras paisaxe…

– Como ve o futuro da oralidade?
Teño moitas esperanzas. Ao viaxar tanto polo mundo ves que cada país, cada terra ten as súas circunstancias e a súa historia, e en todas elas si que é verdade que hai un gusto por escoitar contos. Hai sitios nos que é multitudinario, como en Colombia, con miles de persoas que van escoitar, e outros nos que é máis minoritario. Eu creo que iso vai continuar sempre e a proba está en que as diferentes xeracións de cativos/as sempre están dispostas a escoitar un conto, por moitas series de televisión que vexan, por moito que teñan as tablets… porque unha cousa non quita a outra, pero si que está na nosa man darlle un pouquiño máis de importancia ao feito da oralidade, como transmisión, tamén como forma de expresión, de enriquecemento.

Texto: A.R.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies