EntrevistasÚltima hora

Mercedes González: “Hai momentos para viños e viños para momentos”

A sumiller, Mercedes González. // Foto: Carlos Asensio.

A sumiller Mercedes González é a encargada de formar aos padais dos afeccionados ao viño no “Enotruk” de Enoturismo de Galicia. Este camión, que estivo na xornada de hoxe, 22 de setembro, en Ourense, converteuse nunha pequena escola de catadores na que esta experta en viños falou de cada un deles como “un xeito de facer territorio”. Previo ao inicio da clase, Mercedes González ofreceu unha entrevista a este xornal mentres cataba un viño da D.O. de Valdeorras.

Que vai aprender a xente na cata? 

Trátase de que se fagan unha idea do que se van atopar cando cheguen as rutas. É viaxar a través dos viños. Temos un de cada denominación aínda que estamos co Enoturismo de Galicia e está integrado polas rutas do viño, máis aló do que é a denominación, englobando o concepto do territorio con actividades, deportes de risco, viño, arte, cultura, historia, natureza, sendeirismo e a gastronomía, que van da man dos nosos viños.

Destes caldos que van a probar aquí. Que destacarías de cada un ou deste Valdeorras que vés de tomar?

Caldos non (ri), son viños. É un pouco difícil, son distintas expresións do territorio. Uns teñen unha influencia máis atlántica, con acideces máis xuvenís, outros máis secos. Tamén hai influencia continental, mediterránea, hai un longo percorrido.

Logo das variedades, segundo se expresen nunha zona ou outra, temos “reinonas”. Albariño de godello, treixadura ou das que as arroupan como loureira ou dona branca. Non podería definirte nunha sola palabra cada viño. O que podo dicir é que estes viños son o territorio.

Neste senso quédome co que dixo o presidente da D.O Ribeira Sacra (José Manuel Rodríguez) que con esta iniciativa estamos a facer un “spot publicitario” deixando falar ao viño dende o interior e transmitindo outro concepto de territorio.

Mentres facía a entrevista, Mercedes González catou viño de Valdeorras./ Foto: Carlos Asensio.

Pódese dicir logo que Galicia está representada nestes viños. 

Si. Ogallá puideramos poñer máis. Estes viños vanse cambiando ao longo das cidades que imos percorrendo, de xeito que hai brancos, tintos, maduros, xuvenís… hai unha expresión moi variada.

Agora a pregunta difícil. Cal é o seu favorito? 

A resposta é ben sinxela, hai momentos para viños e viños para momentos. Hai moitas marcas e moitas compañías e eu neste tipo de preguntas sempre respondo que nunca dou marcas.

Mercedes González impartindo a clase de cata de viños no “Enotruck” / Foto: Carlos Asensio.

 

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button