EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Mes do viño en Sober

Carlos Núñez lerá o pregón da XXXIV Feira do Viño de Amandi o 13 de abril
Presentación do programa da Feira do Viño de Amandi.
Presentación do programa da Feira do Viño de Amandi.

A Feira do Viño de Amandi esténdese na súa 34ª edición a diferentes lugares de Sober. E faino xa dende a súa presentación, celebrada o 9 de abril en metade dos solcalcos da Frieira, na ribeira do Sil, e tras un percorrido no tren turístico “Aba Sacra”. “Estamos no corazón dos propios viñedos de Amandi e Doade, se non houbera isto, non existiría á feira porque non habería viño”, dicía o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, “e aínda que esta feira se fai na capital municipal, é unha festa para todo o concello e así este ano haberá, por exemplo, un concerto a cargo de Carlos Núñez no santuario de Cadeiras. A intención é tentar abrila ás 22 parroquias do municipio e a todos os espazos que nos sexa posible”.

O rexidor soberino, que estivo acompañado por outros membros da corporación, por colleiteiros e pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, desgranou os actos do programa do certame vitivinícola. O seu limiar é o “Mes de Amandi”, que vai do 9 de marzo ata a feira do viño, prevista para a fin de semana do Sábado e Domingo de Ramos (12 e 13 de abril). Abrangue unha serie de actividades que comezaban xa en marzo, como unha maridaxe de viños da zona e lacón galego, a xornada de viticultura “Aspectos actuais da patoloxía da vide cara a unha viticultura sostible” ou unha cata comentada de viños para persoas con discapacidade visual.

Xa o día 5 de abril este concello da Ribeira Sacra recibirá unha visita moi especial: a dos Bolechas. Virán a presentar “unha guía turística singular de Sober, na que percorren os bancais, viaxan no tren turístico e no catamarán e participan nunha vendima”, sinalaba Luis Fernández.

Tamén no Mes de Amandi uns 20 establecementos (na súa maioría de Monforte) recomendarán o viño de Sober aos seus clientes. “É unha forma de promocionalos na hostalaría da comarca”, engadía o alcalde.

O programa chegará ao seu momento álxido coa Feira de Amandi, na que participarán uns 20 colleiteiros e que se abrirá o 12 de abril ás 12h. na praza do Concello da man da Adega Viña Peón “en lembranza do seu fundador, Florencio Rodríguez, falecido na colleita pasada”, adiantaba Luis Fernández. Haberá unha precata de viños da mostra no Centro Sociocultural e a música cobrará protagonismo ao longo da xornada con actuacións de música tradicional, da Banda de música de Sober, cun concerto especial de Carlos Núñez ás 19:30h. no santuario de Cadeiras e co son dos Festicultores (22h. na praza do Concello).

Ademais, o domingo 13 de abril farase á cata final (11:30h.), cuxos premios se entregarán despois do pregón da feira, que correrá a cargo do gaiteiro Carlos Núñez. A música volverá tamén neste día da man do grupo tradicional Érbedo, da charanga NBA e da orquestra os Satélites pola tarde. Na presentación tamén se daba a coñecer o cartaz da mostra, obra do pintor local Pepe Sanjurjo, de Rosende.

Texto: A.R./Sober (Lugo) Foto: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button