ConcellosÚltima hora

O Ministerio de Agricultura inviste 1,7 millóns nun plan de asolagamentos da conca Miño-Sil

Os traballos deste plan teñen como obxectivo a revisión e avaliación preliminar do risco de asolagamento e os mapas de perigosidade, entre outros
O plan contempla a elaboración de estudos hidrolóxicos e hidráulicos. // Foto: Carlos G. Hervella.

O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) licitou, por un importe de 1,7 millóns de euros a contratación de servizos do Plan de Xestión de Risco de Asolagamento na Demarcación Hidrográfica Miño-Sil.

O obxectivo destes traballos, sinalan fontes ministeriais, é impulsar a planificación e seguimento do Plan e revisar a Avaliación Preliminar do Risco de Asolagamento e os mapas de perigosidade e risco de asolagamento da conca.

Deste xeito, din, “dáse cumprimento ao previsto na Directiva Europea de Asolagamentos e o recollido no Real Decreto 903/2010, que establece a necesidade de que se elabore unha nova cartografía das zonas asolagables, baseándose na revisión dos estudos hidrolóxicos existentes e nos novos traballos de prevención”.

Entre os traballos a realizar, inclúense a compilación de análises da información dispoñible, en particular á relativa á incidencia do cambio climático e no risco de asolagamento e a relacionada coa transformación do territorio, debido á execución de infraestruturas e o desenvolvemento urbanístico.

Tamén levarán a cabo a revisión e elaboración de estudos hidrolóxicos e hidráulicos e a xeración de cartografía de zonas de risco potencial de inundación; a revisión dos mapas de perigo e risco; a redacción de proxectos de infraestruturas verdes e restauración forestal recollidos no PGRI Miño-Sil, así como a identificación e a elaboración dun inventario de infraestruturas de defensa actualmente existentes na conca.

Así mesmo, identificaranse e estudaranse ao detalle tramos con insuficiente drenaxe transversal e elaborásense informes de seguimento sobre o grao de implantación do Plan, así como un informe final e a organización de xornadas que axuden á súa divulgación. Todo co obxectivo de lograr a definición e execución dun conxunto de actuacións coordinadas e ordenadas, implicando a todas as administracións e á sociedade, para reducir as consecuencias negativas das inundacións, actuacións que constitúen o programa de medidas do Plan.

O Plan de Xestión de Risco de Asolagamento da Conca do Miño-Sil é, en definitiva, un documento crucial e de referencia para todas as Administracións con competencias relacionadas coa xestión de avenidas (Comunidades Autónomas, Deputacións, Concellos, Comarcas).

Back to top button