ConcellosÚltima hora

O Ministerio de Medio Ambiente elabora unha guía para mellorar a xestión dos riscos de inundacións

O manual permitiralles aos organismos de Conca aplicar de xeito uniforme o Regulamento do Dominio Público Hidráulico á hora de limitar os usos do solo nas zonas inundables
A modificación do Regulamento permitiu mellorar a seguridade das persoas en caso de asolagamento.

O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) elaborou unha Guía Técnica de apoio á aplicación do Regulamento de Dominio Público Hidráulico á hora de limitar os usos do solo nas zonas inundables.

Dende o Ministerio aseguran que este manual vailles permitir ás Confederacións Hidrográficas aplicar de xeito uniforme este regulamento e “contribuirá a mellorar a coordinación dos Organismos de conca coas administracións con competencias en materia urbanística”. En concreto, a guía serviralles de base ás Confederacións Hidrográficas á hora de elaborar informes técnicos da súa competencia en materia de risco de asolagamentos.

O Regulamento Hidráulico, segundo informan dende o Ministerio, modificouse en decembro do pasado ano, “tras alcanzarse un importante grao de consenso entre as distintas administracións, tanto en materia de augas como en ordenación do territorio e Protección Civil”, aseguran.

En concreto, esta modificación “está aumentando de xeito notable a seguridade das persoas e bens en risco de inundación, xa que identifica os novos usos e actividades que non poderán ser autorizados nas zonas de fluxo preferente, é dicir, naqueles terreos nos que non se concentra o fluxo durante os episodios de avenidas”, recalcan dende o Ministerio.

Asemade, inclúe un réxime específico para os núcleos urbanos xa consolidados, como poden ser o caso de Ourense, O Barco ou A Rúa, así como certas limitacións básicas ao uso das zonas inundables, tal como aparece reflectido na Lei de Augas.

En concreto, a guía foi elaborada pola Dirección General del Agua do Ministerio, coa colaboración dos Organismos de Conca, como a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, entre outros moitos entes relacionados coa materia.

O documento pode consultarse  na seguinte ligazón:

http://www.mapama.gob.es/es/agua/temas/gestion-de-los-riesgos-de-inundacion/usos-del-suelo-en-zonas-inundables/default.aspx

Artigos relacionados

Back to top button