EconomíaEconomíaÚltima hora

A misión alemá conclúe a súa visita amosando interese nos embutidos e no viño

A CEO conclúe unha semana dedicada á internacionalización de máis de 15 empresas ourensás no país xermano
Visita a unha empresa cárnica.

A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) promocionou esta semana o sector agroalimentario e vitivinícola da provincia de Ourense no mercado de Alemaña a través da visita de dous importadores alemáns á provincia, como parte do ciclo OURENSE EXPORTA.

Entre as súas actividades houbo visitas a empresas, reunións individuais con importadores estranxeiros e un túnel do viño. Froito deste traballo para promover a internacionalización dos produtos agroalimentarios e o viño de Ourense, creáronse oportunidades de negocio para as empresas locais.

Esta visita continuou o ciclo de accións promovidas pola CEO para contribuír ao impulso internacional das pequenas e medianas empresas da provincia de Ourense, que se iniciou o pasado mes de setembro coa celebración dunha misión inversa procedente do Reino Unido, seguida en novembro por unha misión de prescriptores multisectorial que trouxo a Ourense a unha ducia de importadores, chefs, prescriptores e axencias de viaxes de tres países: China, Colombia e México.
No mes de decembro, pechaba o ano unha misión inversa procedente de Francia e Suíza para o sector da lousa.

A acción máis recente de OURENSE EXPORTA previa a esta visita desde o país xermano que conclúe hoxe tivo lugar o pasado mes de maio, cunha misión que trouxo a Ourense a catro importadores xaponeses de alimentación e bebidas.

Todas as actividades mencionadas desenvólvense no marco do Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios 2016, operación cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, “Para conseguir un tecido empresarial máis competitivo”.

Oportunidades de negocio

Os importadores mostraron un gran interese no pulpo galego, pois sinalan que está a experimentar nestes momentos un auxe entre os consumidores xermanos, a pesar do seu elevado prezo. Así mesmo, entraron en contacto con empresas produtoras de produtos cárnicos, que tamén contan con gran acollida no mercado alemán, e sorprendéronse cos embutidos tradicionais da provincia, particularmente a androlla e os embutidos; de feito, a última visita realizada onte tivo lugar na empresa Rivero, de Carballiño, dedicada á transformación de produtos de porcino. Os importadores esperan introducir tamén o mercado alemán queixos e aceite ourensáns tras constatar a súa gran calidade durante a súa axenda comercial.

Polo que respecta ao viño, os importadores puxeron de relevo que os consumidores alemáns prefiren viños suaves, de baixa gradación (por baixo dos 13 graos, aproximadamente), que se asemellen aos seus riesling locais. Consideraron os viños da D.O. Ribeiro, que consideran moi aromáticos e con moitas connotacións, e mostráronse tamén optimistas acerca das posibilidades dos godellos de Valdeorras no mercado alemán. Doutra banda, en canto á imaxe e marca das botellas, destacan a importancia de contar con etiquetas de presentación coidada e corte clásico para triunfar entre os consumidores xermanos, e de utilizar un nome de marca que resulte pronunciable no idioma do país.

Artigos relacionados

Back to top button