A Molinera acolle 36 visións do paso do tempo nunha exposición do Grupo Cuevas

As obras pertencen aos artistas gañadores do I Concurso “Ignacio de las Cuevas” de creatividade artísitica co gallo do 150 aniversario do grupo ourensán

OS gañadores Inma Vilanova e Fernándo Fernández canda as súas obras. // Foto: Carlos Asensio.

O Centro de Coñecemento La Molinera, en Ourense, acollerá dende hoxe, 19 de xuño, até o próximo 3 de xullo a exposición das obras gañadoras e dos 34 traballos finalistas do concurso “Ignacio de las Cuevas” de creatividade artística. Nas bases do concurso pedíaselles aos artistas e creadores que nas súas obras plasmasen unha reflexión sobre a relatividade do tempo, empregando até 18 técnicas diferentes y a través de distintos soportes gráficos.

No acto de presentación de hoxe, contaron coa presenza dos gañadores deste premio. O coruñés Fernando Fernández Páez, foi o gañador do “Gran Premio Ignacio de las Cuevas de creatividade artística”, dotado de 5.000 euros, polo seu retrato “O Instante”, unha fotografía analóxica na que amosa en branco e negro a temporalidade dunha muller espida. Por outra banda, a mención especial “Abanca novos talentos”, dotada de 2.500 euros , foi adxudicada á ourensá Inma Vilanova pola súa fotografía titulada “Saba”, unha palabra traducida do xaponés que reproduce o efecto que fai a pátina do tempo nas cousas, neste caso a través dun paso de cervexa.

Jaime Conde, Artur Yuste, Fernando Fernández, Inma Vilanova, Jesús Vázquez, Manuel Baltar e Roberto Castro. // Foto: Carlos Asensio.

O xurado estivo presidido por César Taboada, director da Escola Superior de Arte e Superior de Deseño “Antonio Faílde” de Ourense, César Taboada que salientou na presentación de hoxe “o difícil que foi escoller de entre as obras á gañadora dada a alta calidade e o nivel”. O xurado tivo que deixar deserta a “Mención Especial Grupo Cuevas”, dotada con 2.500 euros, “por entender que ningunha das obras cumpría as expectativas neste apartado”.

Tanto o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, como o presidente da Deputación, Manuel Baltar, salientaron a importancia das iniciativas privadas coa creación artística. Agradeceron ao Grupo Cuevas a súa aportación a Ourense durante os seus 150 anos de vida. Nese senso, o director xeral do Grupo Cuevas, Artur Yuste, sinalou que este premio “é unha incitación ás artes plásticas que non pasan polo seu mellor momento”. Ao mesmo tempo recalcou que este 2017 vai estar cheo de celebracións “xa que celebramos os nosos 150 anos de actividade na provincia”.

Estas obras gañadoras e finalistas formarán parte dunha exposición itinerante, que forma parte dos actos deste 150 aniversario do grupo ourensán, e que permitirá amosar a exposición en espazos urbanos das principais cidades galegas, entre xullo e setembro, pechando o percorrido de novo en Ourense.

Artur Yuste salientou a importancia de apoiar ás artes plásticas. // Foto: Carlos Asensio.

Texto: Carlos Asensio.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies