En portada

Monumentais trampas de caza

O noroeste da Península Ibérica reúne a maior concentración de foxos de lobo do mundo
Cortello dos lobos de Lubián (Zamora).
Cortello dos lobos de Lubián (Zamora).

A orixe do foxo é prehistórica. Comezou sendo un simple e primitivo buraco no chan que, co paso dos séculos, foi evoluíndo e perfeccionándose. As primeiras referencias escritas que o relacionan co lobo son medievais. Nesa época case todas as aldeas do noroeste penínsular foron dotándose de foxos, cuxa construción e mantemento eran parte das obrigas semanais da poboación rural durante unha serie de meses ao ano, “sendo fortemente multadas aquelas parroquias e/ou veciños que non acudisen ao mandado”, sinala Alberte Reboreda no traballo “Espazos lupinos de Galicia: os foxos do lobo”.

Os foxos de cruz, dos que os únicos exemplos a nivel mundial están na provincia de Ourense, son só unha mostra dos diversos tipos de trampa existentes para cazar o lobo, con nomes diferentes segundo os lugares: foxos, curros, cortellos…

Este autor asegura que “o lobo era unha ameaza moi importante para a sociedade galega da Idade Media e Moderna, principalmente, xa que minguaba a súa economía doméstica e puña en perigo a súa supervivencia material, incluso a vida da xente”. Pero, ao mesmo tempo, a presenza social deste animal, “en canto que ameaza que había que combater de forma activa, deu lugar a un riquísimo patrimonio cultural de carácter material e inmaterial”.

En opinión do arqueológo ourensán e investigador do “fenómeno foxo” David Pérez López, o noroeste da Península Ibérica é unha zona case exclusiva a nivel mundial en canto a foxos de lobos, debido á súa concentración de variedades e tipoloxías. Nela este arqueólogo ten catalogado máis de 200 foxos, unha vintena dos cales están na provincia de Ourense. “Coincide case exactamente co antigo Reino de Galicia, que no momento de máxima expansión do reino nos séculos centrais da Idade Media, se convertiu no núcleo onde xermolou esta actividade. Posteriormente agromou con forza por todo o territorio e transmitiu influencias ás áreas limítrofes de Euskadi, Burgos e Estremadura. O que está claro é que estamos ante un fenómeno de clara orixe galaica, e só atopamos construcións semellantes na Península Arábiga e na Cordilleira do Himalaia, aínda que nestes lugares son máis pequeniñas, non son tan monumentais como as nosas”.

Pérez López distingue cinco tipos de foxos: simples (escavados no chan e disimulados con ramallos), de converxencia, de dobre converxencia, de cruz e de cabrita, como é o caso do Cortello dos lobos de Lubián (Zamora).

Foxo do lobo de Chaguazoso (Vilariño de Conso).
Foxo do lobo de Chaguazoso (Vilariño de Conso).

Texto: Ángeles Rodríguez
A reportaxe íntegra pode lerse na edición en papel do mes de maio do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button