CulturaCulturaÚltima hora

A MOTI trae a Ourense catorce espectáculos infantís en diferentes espazos

A Mostra de Teatro Infantil arrancará o vindeiro venres, 23 de decembro, cunha representación de rúa na Praza de San Martiño de Ourense
Belén Iglesias, Olja Monjón, Virxilio Rodríguez, Jesús Vázquez e Fernando Dacosta. // Foto: Carlos Asensio.

A décimo cuarta edición da Mostra de Teatro Infantil de Ourense (MOTI) presenta do 23 ao 30 de decembro unha oferta de 14 espectáculos de danza, monicreques, teatro de sombras, teatro de autor e de rúa. “Un dos clásicos da programación de Nadal da Cidade”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na presentación hoxe, 18 de decembro, no Liceo de Ourense.

Durante unha semana, A MOTI ofrece espectáculos no Campus Universitario, Teatro Pincipal, Auditorio de Ourense e na rúa. Precisamente, na rúa farase a apertura desta mostra teatral, concretamente na Praza de San Martiño, coa representación de EMOTIonario, da compañía ourensá Trécola Teatro. A partires das seis da tarde e a entrada é de balde.

Segundo explicou o director da MOTI, Fernando Dacosta, a meirande parte das compañías son galegas, aínda que tamén hainas que veñen de Castela- A Mancha, Castela e León, Cataluña, Arxentina “dándolle á MOTI ese carácter internacional”, resaltou Jesús Vázquez.

Pola súa banda, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense, resaltou a capacidade das mostras ourensás (MOTI, MITEU e FITO) á hora de crear novas audiencias “críticas e, sobre todo, canteira de teatro”. Tamén Olga Mojón referiuse a esa capacidade “cíclica”, dixo, desas tres citas teatrais: “o ideal é xerar espectadores na MOTI, que logo pasen pola MITEU e se convertan en fieis seguidores do FITO”.

Nese eido, Fernando Dacosta, subliñou que o Nadal “é tempo para dedicarlle aos rapaces, eles tamén merecen o dereito cidadán á Cultura e Educación”. Dacosta salientou que a variedade de xéneros e estilos do programa “axudarán a crear nenos críticos coa súa contorna”, sendo este un dos principais obxectivos da MOTI. Asemade, reiterou que “hai que retornar á infancia”, en clara alusión á conciliación do tempo que os adultos pasan cos máis pequenos.

En canto á venda de entradas. Os despachos de billetes estarán abertos dúas horas antes de cada espectáculo “no que tamén se poderán adquirir entradas dos espectáculos desa semana en venda anticipada”, informou Fernando Dacosta. O prezo das entradas roldará entre os 3 e os 5 euros e o recadado nos espectáculos do Campus irá integramente a UNICEF.

Artigos relacionados

Back to top button