Xa soou o canón de saída para a vixésimo segunda edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU). Os encargados de dar ese canonazo foron os actores de “Natureza Propia”, unha posta en escena dirixida por Sabela Gago. A praza de San Martiño, fronte a entrada á Catedral de Ourense, converteuse, cara ás sete da tarde, nun escenario de rúa e as escaleiras de acceso ao edificio catedralicio, o patio de butacas ateigado de espectadores.
En canto á obra “Natureza Propia”, o elenco xogou a meterse nos corpos e as mentes de mulleres que tiveron miradas diferentes, “que non deixaron de ser elas mesas e tenderon pontes de coñecemento e relacións humanas”. Entre elas estaba, por exemplo, a artista Frida Kahlo ou a Premio Nobel da Paz, Malala. Os encargados de dar vida a eses personaxes foron Aida Carballo, Candela López, Inma Márquez, Koro Miravete, Luchi Rodríguez, Esteban Rodríguez, Alba Rodríguez, Ana Simón, Lorena Salgado e Bieito Varela, que actuaron baixo as músicas de Yuri Sidar e Oleksandr Savchuk.
Unha brillante performance mesturada con mímica, música, arte e, sobre todo, teatro. Os ingredientes clave desta MITEU que arranca pisando forte con este espectáculo de vangarda.
Fotos: Carlos Asensio.