En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Multitudinaria e animada Festa da Freba en Petín

Preto de 550 persoas asistiron á XVII edición da xuntanza gastronómica valdeorresa

Un ano máis, e xa van dezasete, Petín abría o calendario de citas gastronómicas na comarca de Valdeorras cunha nova e multitudinaria edición da Festa da Freba que reuníu a preto de 550 persoas en torno ao suculento menú a base de carne de porco.

Ás nove da noite do sábado 3 de decembro, abrían as portas da carpa instalada no patio cuberto da Casa da Cultura de Petín. Alí congregábanse os asistentes á espera da ansiada freba. Coma sempre, o prato estrela (400 quilos de frebas de porco asadas á grella in situ) facíase esperar, enchendo co seu aroma ao asarse ata o último recuncho de Petín. Para ir entretendo ao estómago, o consomé e o chourizo cocido (uns 150 quilos), pan, viño,…

E xa en torno ás dez da noite, as primeiras bandexas cheas de frebas chegaban ata os comensais. Entre eles moita mocidade da comarca (do Barco, da Rúa, de Vilamartín,…) e tamén doutros puntos da xeografía que cada ano veñen a Petín atraídos pola sona da festa.

O postre (ucheira) e o licor de café, completaban o menú mentres que o baile e o fin de festa corría por segundo ano, a cargo da discoteca móbil STUU.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button