Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Mural reivindicativo das Xuventudes Socialistas do Barco a favor do colectivo LGTBI

Pintábase no Malecón e inaugurábase nun acto no que participaban a deputada electa Rocío de Frutos, o alcalde do Barco e o secretario xeral das XSG neste municipio

Como un día festivo, pero tamén reivindicativo conmemoraban as Xuventudes Socialistas (XSG) do Barco o Día Internacional dos dereitos do colectivo LGTBI o 28 de xuño. E para iso pintaban un mural no Paseo do Malecón cun lema moi claro e directo, escrito sobre a imaxe dun tendal: “Téndelle unha man á diversidade”.

“Temos que loitar contra a homofobia porque é algo que realmente existe e que vimos hai unhas semanas nos EEUU cun atentado contra este colectivo que foi realmente moi preocupante”, aseguraba Adrián Borrajo, secretario xeral das XSG O Barco. De seguido explicaba o significado do mural, que pretende lanzar dúas mensaxes: a reivindicación dos dereitos deste colectivo, pero tamén da normalidade que significa ese grupo social. “Queríamos que amosase esa imaxe como algo moi simple, como que a diversidade é algo normal, non nos temos que abraiar, nin entristecer, nin alegrar polo que representa este colectivo”, explicaba Borrajo.

Tamén se refería ao significado da rosa, cuxo tallo se converte en tendal. “A rosa para nós é algo moi importante porque se hai unha organización política que sempre loitou, defendeu e reivindicou os dereitos do colectivo LGTBI foi o PSOE”. Ademais agradecía a axuda das dúas persoas que realizaron o labor creativo da pintura: Enrique e Celia, dous estudantes de Belas Artes.

De seguido interviña a deputada socialista electa por Ourense, Rocío de Frutos, quen se amosaba orgullosa de “ser deputada dun partido que sempre gobernou para que as persoas vivan en completa liberdade, creo que ninguén defende mellor os dereitos das persoas que o PSOE”. Pechaba o acto o alcalde do Barco, Alfredo García, lembrando que este ano este “Concello sumouse activamente a este día, a esta reivindicación, a esta normalización da vida dos cidadáns”. Ademais poñía en valor “o traballo que está facendo Xuventudes Socialistas, a implicación o número de compañeiros que se están integrando na organización. Ter canteira é fundamental para que a idea socialista perdure no tempo”.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button