OurenseÚltima hora

Música, gastronomía e artesanía, na XXVIII Festa da Vendima de Leiro

Celebrarase o 27 de agosto e o seu programa presentábase esta mañá nun acto na Deputación de Ourense
Acto de presentación da Festa da Vendima de Leiro no Pazo Provincial.

Leiro acollerá o vindeiro 27 de agosto a XXVIII edición da “Festa da Vendima”, na que se mesturará a música, coa gastronomía e a artesanía. O programa deste certama facíase público na presentación celebrada esta mañá no Pazo Provincial. Nela participaban o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e o concelleiro de Cultura de Leiro, Francisco José Fernández e Ramón Álvarez, respectivamente.

O programa de actividades comezará ás 10.00 horas coa recepción de acios a concurso e posterior exposición. Ás 11:30 horas será a benvida ás autoridades e convidados na Casa do Concello, para dar paso ás 12h á lectura do pregón na praza do Cruceiro, que nesta edición correrá a cargo da comisionada do Goberno fronte ao reto demográfico, Edelmira Barreira. O desfile de carrozas e charangas comezará ás 12:30h dende a rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Feira e, ás 14h, será a visita ao XIV Mercado Artesanal (instalado no Salgueiral). O xantar popular comezará ás 14.30 horas.

A partir das 16:30h farase a entrega de premios aos gañadores dos concursos de Acios e Carrozas e continuarase con actividades infantís e festa no Salgueiral. O deporte terá o seu espazo tamén na celebración co partido de presentación do C.F. Leiro ás 17:45 horas. Por último, será a música a encargada de pechar esta celebración co concerto de corais da Vendima ás 20.00 horas e coa actuación en directo no Salgueiral ás 21.00 horas.

Un dos eventos máis atractivos da celebración é o desfile de carrozas que hai en modalidade infantil e adulta. “As carrozas deben facer referencia a motivos da vendima, da viña ou traballos da mesma e deben cumprir as características recollidas nas bases do certame, pois de non ser así, o xurado poderá descalificalos”, sinalaba o concelleiro de Cultura, quen lembrou os premios do certame sendo para os adultos de 1.000 euros para o primeiro premio, o segundo 750 euros e o terceiro premio 600 euros, e por participar no concurso reciben 300 euros de premio. E na modalidade infantil son de 400 euros para o primeiro, 300 euros para o segundo e 200 euros para o terceiro, e 50 euros por participar.

No relativo ao mercado artesanal, Ramón Álvarez dixo que levan 14 anos a celebralo e nesta edición “temos 25 artesáns confirmados procedentes principalmente da provincia de Ourense. Haberán artesáns de bixutería, esmaltes en frío, pedras, produtos alimentarios e viño”.

Rosendo Fernández destacaba que esta celebración “convértese nunha canle de promoción económica dun recurso endóxeno do Concello de Leiro”. Pola súa parte, o alcalde deste municipio ourensán lembraba a historia deste evento festivo e destacaba a “alta participación veciñal na celebración que contamos que, nesta edición, teña unha asistencia similar á de anos anteriores”.

Artigos relacionados

Back to top button