Na provincia diagnostícanse vinte novos casos de VIH-SIDA ao ano

O Comité Antisida de Ourense leu un manifesto diante da estatua de Eduardo Blanco Amor, en Ourense, con motivo da celebración do Día Mundial da Sida

O Comité Antisida de Ourense colocou o lazo vermello á estatua de Blanco Amor.

Hoxe, 1 de decembro, celébrase o Día Mundial da Sida. Por este motivo o Comité Cidadán Antisida de Ourense fixo a súa tradicional ofrenda á estatua de Eduardo Blanco Amor, situada na Praza do Bispo Cesáreo, en Ourense. Tras colocarlle o lazo vermello, símbolo deste día, os integrantes deste comité leron un manifesto no que reclamaban o dereito á saúde: “Ningunha administración pública non nega na teoría ese dereito á saúde, pero estamos moi lonxe de telo garantido todos”, aseguran.

Actualmente, segundo as informacións achegadas polo Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), dende 1984, en Ourense declaráronse 468 casos de SIDA, dos 4.213 de toda Galicia. Deles, o 19% dos casos non saben que están infectados, din. Na provincia, declaráronse entre 2004 e 2016, 251 casos. Nese mesmo período, en Ourense rexístranse unha media de 20-25 casos de infeccións anuais, informan dende o CHUO. Un dato positivo é que en Galicia, nos últimos catro anos, a incidencia da enfermidade diminuíu en case un 40%, pasando dunha taxa de 69,5 a 44,2 casos por millón de habitantes.

Neste eido, o responsable da sección de Enfermidades Infecciosas do servizo de Medicina Interna, Ricardo Fernández, subliña como “preocupante” o aumento da transmisión en homes de casos de infección por VIH e outras enfermidades de transmisión sexual. Transmisión derivada de relacións sexuais de risco, tanto en relacións homosexuais (39,9%) como heterosexuais (37,5%); sendo tan só o 17% por medio do consumo de drogas por vía intravenosa. A idade media de diagnóstico é de 36 anos.

Asemade, constatan a persistencia de dous problemas: Infección Oculta e Diagnóstico Tardío. Dunha banda, en case a metade dos novos casos que se producen, o diagnóstico inicial é xa de SIDA, ou cun importante deterioro inmunolóxico. Doutra estímase que, en preto do 19%, as persoas con infección por VIH descoñecen estar infectadas, sendo a súa vez responsables da transmisión do 50% dos novos casos que se detectan anualmente.

No manifesto, os membros do Comité Antisida de Ourense recalcan que moitas persoas que viven con VIH-SIDA ou Hepatite C “aínda non teñen, en moitos casos, difícil acceso á prevención e aos tratamentos das súas enfermidades, a tomar libremente decisións sobre a súa propia saúde, a que os traten con respecto e dignidade e non os marxinen”.

Segundo as informacións achegadas polo CHUO, actualmente en Galicia hai 5.451 persoas en tratamento antiretroviral, para o que o Sergas destina un orzamento de 34,5 millóns de euros. Dende o inicio da epidemia, faleceron na comunidade 3.040 persoas, a maioría antes de que existisen estes tratamentos, reiteran.

Outro dos problemas que o Comité Antisida remarcou no seu manifesto foi a discriminación laboral “que segue existindo” e que as persoas que padecen este mal “vense obrigadas a ocultar problemas de saúde para non resultar excluídos”. Tamén falaron dos presidiarios, reiterando que “teñen dificultades engadidas para lograr que lles prescriban tratamentos contra o VIH ou Hepatite C ou enfermidades asociadas”. Asemade, as persoas presas con enfermidades mentais, dixeron, “tampouco teñen acceso en igualdade a terapias que mellorarían a súa saúde”. Tamén mandaron unha chamada de atención ás administracións no eido da educación sexual: “As persoas con consumos problemáticos de drogas, as que exercen a prostitución, os homes que teñen sexo con outros homes ou os adolescentes mal informados seguen a ser, tamén, castigadas polas políticas miopes das Admimistracións públicas fronte ao VIH e a Hepatite C”.

Finalmente, lembraron que o Comité “viuse na obrigación de reducir os programas de atención” asemade, lembraron que a Xunta “recortoulle no 2008 máis da metade das achegas” á súa casa de acollida para persoas enfermas.

Prevención

As institucións sanitarias insisten na importancia de realizarse a proba, na procura dun diagnóstico precoz, así como na prevención da infección de VIH e outras enfermidades de transmisión sexual, mediante o uso do preservativo e, en ocasións, profilaxe pre-exposición.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies