CulturaCulturaÚltima hora

A narradora Soledad Felloza, no Festival Literario de Sopot (Polonia) da man de Mencía

Participa neste evento literario internacional co seu libro “A Cociñeira do Rei” e impartindo un obradoiro infantil
A narradora oral, escritora e fotógrafa Soledad Felloza, na súa actuación no Barco en xullo./ Foto: Carlos G. Hervella.

Mencía é unha rapaza que logra vencer a todos grandes cociñeiros no reto de curar a melancolía dun rei. E faino recuperando pratos e sabores tradicionais de Galicia. Mencía é a protagonista do libro infantil “A Cociñeira do Rei” co que Soledad Felloza ganaba o Premio de Narración Oral Cociña de Contos en 2016, convocado por OQO Editora.

Con esta obra esta escritora, narradora e fotógrafa está a participar no Festival Literario Sopot 2017, un dos eventos máis destacados do mundo literario polaco, adicado nesta edición á literatura española. No certame Felloza impartirá unha sesión interactiva na que os nenos polacos terán oportunidade de coñecer a gastronomía galega e de aprender a elaborar algunhas das receitas máis singulares desta terra.

O obradoiro celebrarase o 18 de agosto ás 11 no Museo da cidade de Sopot, sede deste relevante festival no que participan as figuras máis destacadas da literatura europea. No decurso desta actividade os cativos asistentes recrearán pratos emblemáticos da gastronomía galega e escoitarán unha versión oral do relato.

Felloza visitaba recentemente O Barco co seu espectáculo “Xeografía do imaxinario”, dirixido a un público familiar no marco do ciclo “De Perto”.

Artigos relacionados

Back to top button