Unha das explotacións romanas máis grandes do Imperio foron as Médulas do Bierzo, pero toda a conca do Sil, e dalgúns dos seus afluintes como o Bibei e o Lor, foi lavada polos romanos, dende Valdeorras, seguindo pola zona de San Xoán de Río, por Quiroga e Ribas de Sil, o Caurel e ata o Miño. Tamén en Asturias e noutras zonas da provincia de León, se conservan claros exemplos da extracción romana de ouro.
Nestas minas a ceo aberto xúnguense valores arqueolóxicos, culturais e naturais. A paisaxe convértese en memoria viva da historia e nunha peza clave da arqueoloxía mineira romana, con evidentes pegadas como restos de canais, de estériles de lavado, de galerías...
Estas minas auríferas supoñen ademais un potencial turístico polo que xa se están a apostar nalgunhas zonas de España e que permite ademais achegar á sociedade o significado e importancia destas zonas arqueolóxicas. A mostra máis clara disto está na veciña comarca do Bierzo, onde As Médulas, declaradas Patrimonio da Humanidade no ano 1997, atraen cada ano a miles de persoas. Así, segundo a memoria de control de visitantes feita polas guías das Médulas, “o número de visitantes que pasan polo punto de información de Médulas entre o 15 de abril e o 15 de xuño de 2004 é de 12.691, dos cales 577 son estranxeiros. Non obstante, este número non reflexa os visitantes reais que reciben As Médulas, xa que a xente que pasa polo punto de información non está rexistrada, co que o número de visitantes reais é moi superior a 12.691”, segundo informa Valentín Fernández, presidente do Patronato de Turismo da comarca do Bierzo. A posta en valor turística deste tipo de minas dase tamén en diversas zonas de Asturias como Cangas de Narcea ou Belmonte de Miranda ou en Astorga (León). Tamén está a iniciarse na comarca de Quiroga.
Malia que na provincia de Ourense se está a traballar con productos turísticos como o da Vía Nova, vencellada ó mundo romano, non se ten plantexado polo momento unha planificación específica, combinando o traballo de investigación cunha axeitada divulgación cultural e turística, para a posta en valor do importante número de explotacións auríferas romanas existentes, especialmente na conca do Sil.
Entre as minas máis destacadas e mellor conservadas están as Médulas de Caldesiños, en Viana do Bolo, onde semella que se están a dar os primeiros pasos nese sentido. Así, a mediados de xullo o Consello da Xunta de Galicia vén de autorizar a subscrición dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e o Concello de Viana para cooperar en materia turística. Neste convenio recóllese a creación de sendas e miradoiros no contorno das Médulas de Caldesiños, entre outras actuacións. “A Xunta de Galicia considera de interese a subscrición deste convenio porque cre que o Concello de Viana do Bolo posúe toda unha serie de recursos patrimoniais, culturais e paisaxísticos de grande interese turístico que deben ser conservados”, segundo se fixo público dende a Administración autonómica. Xunto coa actuación no entorno das Médulas, vaise recuperar un antigo forno, muíños en Pradocabalos e crearanse miradoiros e sendas en San Cibrao e Quintela do Pando. Para estas actuacións turísticas destinarase un total de 334.025 euros.
En Valdeorras os xacementos auríferos tanto primarios (filóns en rocha) como secundarios (en aluvións ou de praceres fluviais) cífranse nuns trinta. Entre os máis destacados están as Barreiras en Córgomo (Vilamartín) e o da Medua (Carballeda), nos que tamén se empregou a técnica da “ruina montium” e que conservan galerías.
Nestes momentos, sen embargo, non existe en Valdeorras ningunha iniciativa en marcha para promocionar e activar cultural e turísticamente este destacado conxunto de explotacións auríferas que posúe a comarca. O mesmo acontece no municipio de San Xoán de Río, onde aínda sorprende a monumentalidade da explotación primaria dos Biocos na Serra de Cabanas.
Preto de Río, pero xa na provincia de Lugo, no concello de Ribas de Sil estase a traballar para artellar unha “Ruta do ouro” co fin de dar a coñecer algunhas das mostras máis destacadas da actividade mineira na época romana. Esta ruta percorrerá explotacións como as de Peites, Figueiredo e Piñeira cunha finalidade turística, e forma parte dun proxecto de sinalización conxunta de interese turístico-cultural que realizan os sete concellos integrantes da Asociación Río Lor, xestora dos fondos Leader nesta zona luguesa. A finais de agosto espérase que estea xa lista a sinalización do mini-itinerario da mina de Figueiredo. De cara ó futuro, valórase a posibilidade de establecer na zona un centro de interpretación.
Xunto a Ribas de Sil, no veciño municipio de Quiroga existe xa unha ruta creada en torno ás explotacións do ouro. Este percorrido consta duns 35 quilómetros que parten do túnel romano de Montefurado e chega ata as minas de As Covas, seguindo polas Médulas de Margaride e de Conceado. A ruta conclúe na ponte de Barxa do Lor. Pero ademais Quiroga tamén se está plantexando facer un aproveitamento turístico destas explotacións, tras os novos vestixios localizados na zona.
Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do periódico O Sil)