SanidadeÚltima hora

No 2020 os profesionais da área sanitaria ourensá atenderon 495.037 consultas hospitalarias e 3.346.085 en Primaria

Exterior do Hospital Comarcal Valdeorras, no Barco.

 

Nun ano sen precedentes na historia e que tocou de cheo á sanidade pública, os profesionais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras fixeron posible co seu esforzo que, en 2020, se realizasen 495.037 consultas hospitalarias, 3.346.085 en Primaria, 19.390 intervencións, 96.887 urxencias, ademais de atender a 31.506 persoas ingresadas.

Desde a Dirección da Área Sanitaria vén de poñer en valor “o importantísimo esforzo de coordinación e planificación para manter a actividade esencial de prioridade 1, tanto na actividade cirúrxica como de consultas, e moi especialmente a implicación dos profesionais para incrementar esta nos períodos con mellor situación epidemiolóxica, e moi especialmente no último trimestre do ano, cando a presión da atención aos pacientes Covid comezou a medrar”.

Desde os tres hospitais de Ourense (os de Valdeorras, Verín e o CHUO) procurouse “reordenar a programación cirúrxica en función da evolución da pandemia, programando intervencións de curta estadía ou ambulatorias en paralelo coas de prioridade 1, (non urxentes nas que o tempo é substancial e están en Galicia garantidas por lei) ademais de reforzando a actividade nos periodos con menor incidencia da pandemia”, segundo o Sergas.

Neste eido, nos tres hospitais acadouse o obxectivo de atender ás enfermidades máis graves, Prioridade 1, “antes de 30 días, compromiso incluido na Lei de Garantías en canto o acceso a consultas ou intervencións. Mostra delo, o tempo medio das intervencións cirúrxicas de Prioridade 1 foi de 11.9 días no conxunto da Área Sanitaria (8.5 en Verín, 10.3 en Valdeorras e 12 días no Universitario de Ourense)”.

Ademais, os pacientes con patoloxías graves, ou con sospeita de padecelas, antes incluso do seu diagnóstico, contan coa posibilidade de acollerse ao sistema de Vías Rápidas, que garante o diagnóstico e instauración de tratamento antes de 15 días. Os tres hospitais de Ourense contan coa totalidade das vías, implantadas polo Sergas para promover esta asistencia rápida, ante a sospeita dun tumor de pulmón, mama, colon, vexiga, cabeza ou cuello e melanoma.

O tempo medio de atención aos pacientes incluídos nalgún destes circuítos rápidos, foi en Ourense “de 3 días na de mama; 4,2 na de cabeza-cuello; 2.3 na de próstata e de 3 días na de vexiga. Con espera cero nas vías de cancro de pulmón e melanoma. Ademais da media, ningún paciente agardou mais de 15 días en ningunha delas”, tal e como indica a consellería.

Consultas e probas diagnósticas

A actividade de consultas viviu un ano excepcional, tanto nos dous meses do estado de alarma, no que se primou a teleconsulta, “para reducir riscos tanto para pacientes como profesionais” e, posteriormente, “pola necesidade de reducir a coincidencia dos usuarios nas salas de espera, limitando a capacidade diaria. Para dar resposta a esta dificultade, extremouse o control dos tempos de citación e ampliouse, moi especialmente no último trimestre, o horario de consulta, con quendas de tarde na maioría de especialidades”, segundo Sanidade.

En canto ás probas diagnosticas, pese as dificultades deste ano, Sanidade sinala “a mellora nos tempos de acceso a algunhas de alta demanda como TAC, cunha media de 32 días (42 días no hospital de Ourense, de 32 en Valdeorras e de 14 en Verín), -probas sempre non urxentes-, ou da radioloxía convencional cunha media de 11 días en toda a Área”.

Nas consultas de Cardioloxía houbo 26 días de media para a primeira consulta, e de 20 no Hospital Universitario de Ourense, ao igual que as consultas de Anxioloxía Cirurxía Vascular que se limitan a 3.8 días de espera media.

Intervencións

Igualmente, pese a todas estas dificultades o tempo de espera medio para unha intervención na Área de Ourense detívose nos 66,4 días, lonxe do de anos anteriores e cos que cabe pouca comparación. Hai que subliñar o importante pulo dos dous comarcais, con tempos medios de 34,2 días Valdeorras e 36,1 Verín. Igualmente o de consultas, con 58 días de media na Área.

Por centros, Sanidade di que hai que “subliñar a boa cifra do Hospital de Verín, 22 días, e explicar a media de Valdeorras, que ascende a 149, como efecto das dificultades para cubrir as vacantes de persoal en Rehabilitación, que sube a media global de tempos, e que se poderá resolver este ano mediante a oferta pública de emprego xa en marcha”.

En 2.020 atendéronse 35.302 urxencias menos nos tres hospitais, e 44.415 menos que en 2019, nos Puntos de Atención Continuada da provincia, “pero ninguén dubida da complexidade e esforzo dos profesionais da atención urxente, ou do tempo requerido para a xestión de urxencias neste periodo”, segundo a consellería.

Artigos relacionados

Back to top button