Noela Blanco (PSOE) aposta pola transparencia e “a apertura á sociedade” na súa candidatura

A precandidata á secretaría provincial dos socialistas propón medidas que obriguen a render contas ante a militancia e os cidadáns aos cargos electos

Noela Blanco.

A precandidata á secretaría provincial do PSdeG-PSOE, Noela Blanco, presentou hoxe, 7 de decembro, na sede socialista de Ribeira de Canedo varias propostas para “afondar na cultura da transparencia” e “incrementar a apertura á sociedade” a través da redención de contas obrigatoria e periódica dos cargos institucionais e orgánicos na provincia. A parlamentaria deixou depositados no arquivo da sede socialista varios tomos con 1.059 iniciativas rexistradas por ela no Parlamento de Galicia que fixo durante a actual lexislatura.

A socialista anunciou que cando sexa secretaria provincial vai ser obrigatoria esa redención de contas de todos os cargos institucionais de xeito semestral en todas as comarcas ourensás, ademais de ter que deixar un depósito nas sedes todas as iniciativas presentadas para a consulta da militancia e da cidadanía. Tamén terán unha oficina parlamentaria itinerante con visitas a agrupación, cando menos, unha vez por semana, asegurou, para respostar dúbidas, recoller demandas e asesorar ás agrupacións. Ademais, engadiu, será obrigatorio publicar de xeito semestral na web do partido a axenda pública de cada cargo institucional.

No eido da súa actividade como deputada autonómica, Blanco fixo fincapé na importancia de que os representantes de Ourense teñan unha actividade “aínda moito máis intensa” que noutras provincias “por ser a única que sofre as políticas do PP nos gobernos provincial e da cidade”.

A precandidata depositou no arquivo da sede as propostas parlamentarias que fixo durante a lexislatura.

Así, no ámbito sanitario Blanco asegurou que traballou en temas como a recuperación da cirurxía pediátrica as 24 horas, a posta en marcha de infraestruturas sanitarias ou a saturación de urxencias e a mellora da calidade nos servizos no CHUO. No referente a política social, Blanco falou da necesidade dun centro de atención a persoas con diversidade funcional, “sendo Ourense a única provincia galega que non dispón dun centro destas características”. “Hai un compromiso de palabra pero non hai orzamento suficiente asignado”, dixo a deputada.

Outros dos temas tratados por Noela Blanco no que vai de lexislatura, informou, son o “sectarismo político” na Casa da Xuventude ou o “nulo incremento de prazas públicas nas escolas infantís”, tanto para asentar poboación nas zonas rurais como para cubrir a demanda en lugares como Viana do Bolo ou Allariz, “onde algúns pais e nais teñen que desprazarse a outro concello por falta de prazas”.

Da seca dixo que hai unha “falla total de medidas” por parte da Xunta pese á prealerta. Este tema, asegurou a socialista, é outra das prioridades do seu traballo, e reiterou que mantivo varias reunións con agricultores, gandeiros e apicultores nas asegurou que puido comprobar “a deixadez que senten e os problemas de moitos mozos e mozas que se incorporaron a estes sectores nos últimos anos”. Blanco tamén se referiu á eliminación de servizos no rural e para os maiores, e insistiu en que Feijóo “dea un golpe na mesa de Baltar” para poñer en marcha un Plan Único provincial co reparto equitativo e xusto de fondos entre os concellos, para “non tratar como cidadáns de segunda aos veciños e veciñas que decidiron que o goberno do seu municipio non estivese en mans do PP”.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies