EconomíaEconomíaÚltima hora

A nova asociación de produtores de Pataca da Limia organizará unha xornada sobre seguros agrarios

Os seus membros producen ata 130.000 quilos de pataca ao ano aproximadamente, o que supón o 95% da pataca que se produce na comarca, segundo os datos de Medio Rural
Un dos momentos da reunión de membros da asociación coa dirctora xeral de Agricultura,

A Consellería do Medio Rural colaborará coa nova asociación de produtores Pataca da Limia na organización dunha xornada sobre seguros agrarios. “A solicitude, que foi trasladada pola agrupación hai uns días, resolveuse favorablemente despois de estudar as posibilidades e comprobar a temática, que se enmarca dentro do obxectivo de Medio Rural de fomentar a contratación de pólizas”, segundo se indica dende a consellería.

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, mantiña recentemente un encontro con esta entidade que serviu de primeira toma de contacto. Segundo os datos analizados, os seus membros producen ata 130.000 quilos de pataca ao ano aproximadamente, o que supón o 95% da pataca que se produce na comarca.

“A nosa intención é abrir unha vía de colaboración, como co resto de agrupacións de todos os sectores”, sinalou a directora xeral, que avanzou tamén o apoio de Medio Rural para unha xornada de exaltación da pataca de carácter profesional, no que se inclúan xornadas de formación.

 

A directora xeral, intervindo durante o encontro coa nova asociación de pataqueiros da Limia.

 

Así mesmo, Do Campo felicitou aos membros por unirse nunha nova asociación, que ademais conta con socios de todos os concellos da Limia, e ofreceulles un balance das ordes de axuda das que dispón a consellería e ás que poden acollerse, tales como os plans de mellora para renovar as súas instalacións ou as achegas para maquinaria en común destinadas a cooperativas agrarias e Cooperativas de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA) e Sociedades Agrarias de Transformación (SAT).

No encontro, no que estivo tamén presente o deputado e concelleiro de Xinzo de Limia, Carlos Gómez, abordáronse as necesidades deste sector e outras temáticas como a sanidade vexetal.

Artigos relacionados

Back to top button