EconomíaEconomíaGalerías de fotos

Nove participantes, dun total de 21, da II Lanzadeira de Emprego de Ourense conseguiron atopar traballo

A segunda lanzadeira de Emprego de Ourense fai balance tras tres meses en funcionamento. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o concelleiro de Proxección Económica, Jorge Pumar, Directora de Telefónica Galicia, Marta Menéndez; o Responsable dos programas de Empregabilidade de Fundación Telefónica, Matías Figueroa e a Técnico de Comunicación do programa Lanzaderas en Fundación Santa María la Real, Marta Prieto, acudiron hoxe, 27 de marzo, ao Centro de Iniciativas Empresariais de Ourense para coñecer máis de preto aos participantes.

Segundo salientou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, este tipo de xuntanza “nos vale para ir accedendo á información e para ver cales son eses pasos que hai que seguir para que funcione a lanzadeira”. O rexedor municipal agradeceu tanto á Fundación Telefónica como Santa María la Real a súa implicación no proxecto. Finalmente, falou dos resultados obtidos: “foron 21 os rapaces que comezaron esta segunda lanzadeira e neste mesmo momento 9 están traballando e outros dous están a piques de atopar un traballo, isto quere dicir que estamos a falar de que o 50% dos participantes nas lanzadeiras atoparon emprego”.

Pero non só son desempregados os que decidiron apuntarse a esta segunda lanzadeira. Por exemplo, Susi Gómez é arquitecta técnica e cualificou o seu paso pola lanzadeira como “unha experiencia moi positiva”. Dixo que decidiu apuntarse á lanzadeira “como desenvolvemento profesional, para crear unha rede de contactos, porque sempre é bo relacionarse coa xente e saír do ovo no que estamos metidos”. En canto ao que aprendeu, Susi resaltou que os diferentes “coachers” lles insistiron en “como debemos abrirnos ao mundo laboral, que algúns non sabiamos”.

Pola súa banda, a técnico de Formación da Fundación Santa María la Real, Lidia Enrich falou do que fixeron durante todo este tempo: “Ademais dos relatorios dos expertos, fixemos 14 intermediacións, é dicir, saídas a empresas e entidades para dar a coñecer os perfís dos participantes, e desas intermediacións saíu algún contrato”, dixo. Asemade, tamén asistiron a seis eventos profesionais fóra de Ourense.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button