OurenseÚltima hora

O ano de Carlos Casares arrancou en Ourense cunha visita guiada polo seu roteiro literario

 Este artista ourensán, homenaxeado no Día das Letras Galegas 2017, será o eixo da programación cultural da cidade ao longo de todo o ano

Os cidadáns ourensáns puideron gozar hoxe, 18 de febreiro, dunha mañá dedicada enteiramente a Carlos Casares. O Liceo acolleu a presentación do roteiro literario en torno á figura deste autor ourensán ao que este ano se lle dedicará o Día das Letras Galegas.

O alcalde da cidade, Jesús Vázquez, comentou que “o 2017 agasalla a Ourense cunha excepcional ocasión de lembrar a vida e a obra do noso fillo predilecto Carlos Casares”. Neste senso, o rexedor sinalou que este artista ourensán “vai ser o eixo da programación cultural da nosa cidade ao longo de todo o ano, cun amplo programa de actividades para lembrar, dar a coñecer e reivindicar a figura de Carlos Casares”.

O Liceo foi o lugar escollido para presentar esta iniciativa xa que neste lugar o artista “viña cada día a traballar a prol da cultura da nosa cidade”, contou o alcalde. Durante a presentación, Jesús Vázquez estivo acompañado polo seu compañeiro o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que destacou que este roteiro “ofrece a oportunidade de trasladarnos ao Ourense da infancia e xuventude do poético autor”. Rodríguez destacou as múltiples facetas do autor: “escritor, novelista, tradutor, biógrafo, xornalista, profesor, editor e xestor cultural, entre outros”.

Este roteiro foi concibido polo tamén escritor e investigador Afonso Vázquez-Monxandín, e co apoio da Fundación Carlos Casares, do Concello de Ourense e da propia Consellería.

O percorrido destas 23 placas arranca no Parque de San Lázaro, fronte ao antigo “Hotel Parque”, onde se xuntaban estas personalidades tan destacadas da Ágora galega que era Ourense en aquel entón e entre as que estaba Carlos Casares. Un lugar onde fixo amizade con Vicente Risco.

Un grupo de curiosos e interesados na figura de Carlos Casares, así coma as diferentes personalidades institucionais, tiveron a ocasión de gozar dun percorrido guiado polas dez primeiras placas que comezou no Parque de San Lázaro, seguiu pola Avenida da Habana, Curros Enríquez, rúa do Paseo, a Alameda e rematou no Liceo novamente.

Fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button