ConcellosÚltima hora

O Barco adianta a Semana da Mobilidade de setembro a maio

A Concellería de Medio Ambiente programa actos entre o 7 e 12, para frear o uso do coche
A concelleira de Medio Ambiente do Barco, Diana Urdangaray, na presentación da Semana da Mobilidade. Foto/ Mónica G. Bellver.
A concelleira de Medio Ambiente do Barco, Diana Urdangaray, na presentación da Semana da Mobilidade. Foto/ Mónica G. Bellver.

O cambio de data, do mes de setembro en que adoitaba celebrarse ao de maio, é unha das novidades da Semana da Mobilidade 2016 organizada pola Concellería de Medio Ambiente do Barco de Valdeorras, cuxo programa era presentado na mañá do 4 de maio pola concelleira, Diana Urdangaray.

Co obxectivo de tentar cambiar a tendencia no uso do coche (actualmente é o que máis se usa, seguido polo transporte colectivo e a bicicleta), a primeira e novidosa actividade programada este ano é o “almorzo sobre rodas” que se celebrará o sábado 7 de maio ás 12h. Con saída na praza José Otero-Malecón, os participantes de todas as idades darán unha volta polo malecón (en patín, patinete, monopatín, a pé,…), con bebida, froita e agasallos ao rematar.

Para o martes 10 de maio está prevista a tradicional bicicletada “O Barco sen coche” que arrancará ás 18 horas no inicio do carril bici (paseo do Malecón). A chegada será na praza do Concello con bebida e brincadeiros. Haberá agasallos para todos os participantes e un sorteo, así como a recompensa para os usuarios do servizo Bicibarco que este ano só son dous. “Teremos que promocionalo doutra forma porque baixou moito o uso, non entendemos porque, xa que agora as bicis están en perfecto estado de mantemento”, explicou a concelleira de Medio Ambiente.

O programa de mobilidade continuará o mércores 11 de maio co parque de educación viaria para nenos de 8 a 12 anos que a Policía Local instalará no Paseo do Malecón de 18 a 20 horas.

Tamén os municipais colaborarán na última e tamén novidosa actividade, prevista para o xoves día 12 ás 21 horas. Con saída en Cedie, onde se repartirán elementos reflectantes, os axentes darán aos asistentes recomendacións para camiñar seguro.

A concelleira, Diana Urdangaray, advirte que se o tempo non acompaña (parece que dan auga para a semana que vén) as actividades poderán sufrir variacións, de días e incluso de ubicación.

Artigos relacionados

Back to top button