En portadaSanidadeÚltima hora

O Barco pedirá que se convoque a Comisión de Participación Cidadá da área sanitaria valdeorresa

O pleno barquense aprobaba unha moción nese senso presentada polo partido socialista
O concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra, expoñendo a moción no pleno barquense./ Foto: Carlos G. Hervella-
O concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra, expoñendo a moción no pleno barquense./ Foto: Carlos G. Hervella-

O Concello do Barco instará á Consellería de Sanidade e á xerencia da EOXI de Ourense a que “adopte as medidas necesarias para convocar de xeito inmediato a Comisión de Participación Cidadá da Área Sanitaria” valdeorresa. Así se recolle na moción presentada polo grupo municipal socialista e que saía adiante no pleno celebrado na tarde do 3 de setembro, por once votos a favor (PSOE e Riada Cidadá) e cinco en contra (PP).

A moción non lograba o apoio do PP que, se vén se amosaba a favor desta convocatoria, non apoiaba os outros tres acordos recollidos no documento: “esixir ao goberno da Xunta, á Consellería de Sanidade e á xerencia de EOXI de Ourense a paralización do goteo da perda de persoal sanitario e que se dote ao Hospital Comarcal Valdeorras da tecnoloxía sanitaria adecuada”, así como expresar o apoio do Concello do Barco á Plataforma Sanitaria de Valdeorras e tamén ao “mantemento dun sistema sanitario público, universal, gratuito e de calidade”.

O portavoz municipal do PP, Arsenio Moldes, consideraba que “esta moción non é apropiada”, tendo en conta que “hai dous días se instalaba un novo TAC no hospital, tamén se vai dotar ao centro dun novo mamógrafo e levarase a cabo a dixitalización da sala de radiografía”. Ademais apuntaba “a baixada considerable nas listas de espera”. Moldes indicía en que “por suposto que hai que mellorar, pero non hai que crear tanta alarma porque se están realizando cousas”.

Imaxe do pleno durante o debate da moción./ Foto: Carlos G. Hervella.
Imaxe do pleno durante o debate da moción./ Foto: Carlos G. Hervella.

O concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra, que era quen daba lectura no pleno á moción, respondíalle ao edil popular que “é a Comisión de Participación Cidadá a que debe dar conta do que se ten feito e do que se debe facer” e lembraba que a instalación do novo TAC “demorouse cinco anos”.

Pola súa banda, o concelleiro de Riada Cidadá, Félix García, sinalaba que “asumimos completamente a moción do PSOE. A sanidade en Valdeorras está de capa caída e a política da Xunta é privatizala”.

Artigos relacionados

Back to top button