ConcellosEconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O Barco pide axudas directas para o sector do viño afectado polas xeadas

O grupo socialista presentaba unha moción sobre este tema na sesión plenaria barquense da tarde do 1 de xuño
Viñedo valdeorrés danado polas xeadas do 27 e 28 de abril.

Con 11 votos a favor (10 do PSdeG-PSOE e 1 de Riada Cidadá) resultaba aprobada na sesión plenaria do Barco do 1 de xuño unha moción presentada polo partido socialista na que se solicitan axudas directas para os produtores do sector vitivinícola afectados polas graves xeadas dos días 27 e 28 de abril.

Na exposición da moción, o portavoz socialista Aurentino Alonso, sinalaba que o viño constitúe o segundo sector económico máis importante da comarca, tras a lousa, e aseguraba que “nalgúns dos concellos quedou afectada ata o 90% da súa superficie de viñedo”. Cifraba en 793 as hectáreas danadas no conxunto da D.O. Valdeorras e en máis de 6 millóns de euros as perdas económicas das xeadas nesta zona. Tamén matizaba que se vían afectados un 80% dos viticultores denominacióne.

A moción, en cuxa votación abstiñan tres concelleiros do PP (os outros dous presentes no pleno ausentábanse da sesión nese momento), instaba ao Goberno central, á Xunta e á Deputación a establecer unha liña de axudas directas con importes semellantes á aplicada no ano 2016 en Sober (D.O. Ribeira Sacra), tras o pedrazo; así como outro tipo de medidas como a condonación das cotas á Seguridade Social para os produtores e unha reestruturación das pólizas de seguros para adaptalas á realidade.

Tanto Alonso, como o alcalde socialista, Alfredo García, e o concelleiro de Riada Cidadá, Félix García, pedían un trato igual ao dado aos viticultores da Ribeira Sacra no 2016 para os valdeorreses. “Os viticultores de Valdeorras non poden ser diferentes, a mesma problemática terá que ter as mesmas solucións”, sinalaba Alfredo García.

Artigos relacionados

Back to top button