DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O Barco xa é de terceira. Noraboa campións!!

O conxunto vermello lograba o título de liga e o ascenso na tarde do 24 de maio en Calabagueiros

De infarto. Así foron as últimas xornadas de liga na preferente sur, nas que o equipo sénior do Centro de Deportes Barco loitaba por sentenciar o ascenso, sen moito acerto. Quedaba unha oportunidade, a última xornada de liga ante o Rápido Bahía o 24 de maio, para conseguir o título de liga e o ascenso directo, e os rapaces de Javy Rey non fallaron.

En apenas cinco minutos, Borja adiantaba aos locais e malia ter moitas oportunidades, o descanso chegaba co 1-0 no marcador. Os afeccionados, que unha vez máis enchían as bancadas de Calabagueiros berraban e animaban ao equipo, seguros de que o ían conseguir, e así foi. Malia que os visitantes deron algún susto, marcando nunha ocasión, os goles de Diego e máis tarde de Rodri sentenciaron o encontro.

Co 3-1 final no marcador, desatouse a festa no campo e o cava corría como a auga por riba de xogadores, directiva e afeccionados que posteriormente, percorrían as rúas do pobo ata chegar á praza do Príncipe onde se completou a festa.

Houbo bicos, apertas, saltos, bágoas de felicidade, bombas, música… e non era para menos. Máis de dúas décadas despois, o C.D. Barco regresa á terceira división pola porta grande. Noraboa campións!!

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button