O godello é o principal protagonista do cartel promocional da XX Feira do Viño de Valdeorras, que se celebrará na fin de semana do 15 e 16 de xullo na praza de Viloira (O Barco). O xurado do concurso convocado polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras reuníase na tarde do 15 de xuño e decidía a proposta ganadora, da que é autor o barquense Víctor Miranda, de 39 anos e natural do Barco de Valdeorras.
No cartel destaca unha copa medio chea de viño branco entre unha botella silueteada sobre fondo negro. O autor da proposta gañadora, que traballa no ámbito do marketing e da publicidade, recibirá un premio de 600 euros. Un total de 50 traballos diferentes presentáronse ao concurso.
O xurado do concurso estivo conformado por diferentes profesionais e presidido pola secretaria xerente do Consello Regulador, Alda Pérez. Del tamén formaban parte o profesor petinés Gabino Fariñas, un dos profesionais do equipo do Periódico O Sil, o responsable de comunicación do CRDO Valdeorras, Felipe Vieira e unha representante dos medios locais.