DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O berciano Eduardo Valcarce, vencedor da 8ª Carreira dos Santiños do Barco

Na categoría absoluta feminina a valdeorresa Eva Arias facíase co título

Moita participación tanto na carreira de maiores como nas citas das categorías inferiores na oitava edición da Carreira dos Santiños do Barco, celebrada na mañá do 8 de novembro. O disparo do xuíz daba a saída ás doce en punto no estadio de Calabagueiros á proba dos maiores, na que os atletas cadetes daban unha soa volta a un circuíto urbano de 3,6 km, mentres que o resto das categorías completaban dúas voltas.

O primeiro en cruzar a liña de meta, situada no mesmo estadio, era o corredor berciano Eduardo Valcarce (Fisiorama), seguido de Elipio Gómez e Hugo Sánchez, ambos do Club Adas. Os mellores resultados en absoluta feminina eran para Eva Arias, Joanna Filipa Pereira e Iria Fernández, as tres co Adas.

Ao redor da unha comezaban as probas dos atletas máis xoves: infantís, alevíns, benxamíns e prebenxamíns. Todas elas desputábanse nas pistas de Calabagueiros. E rozando ás dúas da tarde tiña lugar o acto de entrega de trofeos. Esta edición dos Santiños abría ademais o Circuíto de carreiras populares “Comparte un Valdeorras” e nela a Cruz Vermella facía unha recollida de xoguetes solidarios. A cita foi organizada polo Club Adas Proinor en colaboración co Concello do Barco e coa Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo (FGA).

Fotos: Ángeles Rodríguez
Máis información e fotos na edición en papel de decembro do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button