Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

O BNG aproba a proposta de candidatura para a nova dirección do Consello Nacional

Entre os nomes da lista figura o da ourensá Noa Presas e o do valdeorrés Suso Vilasánchez e levarase á XVI Asemblea Nacional, que se celebrará o 25 e 26 de marzo na Coruña

No seu último Consello Nacional antes da XVI asemblea (que terá lugar os días 25 e 26 de marzo), o BNG vén de aprobar na mañá do 18 de marzo os textos políticos e organizativos e unha proposta de candidatura de nova dirección, executiva incluída, que será sometida ao debate e votación do conxunto da militancia na vindeira cita asemblearia da Coruña. Dentro das teses políticas, destaca a proposta da Estratexia Galiza Avanza 2017-2020, a elaborar tras a asemblea que fixará a folla de ruta para lograr o avance político, social e institucional do BNG. Asemade, coa vista posta nos comicios locais de 2019 (e tendo en conta que a seguinte asemblea nacional será en tres anos), a Estratexia Galiza Avanza tamén incluirá un plan de traballo específico para as sete grandes cidades.

O máximo órgano de decisión entre asembleas deste partido tamén aprobaba (sen ningún voto en contra e con seis abstencións) unha proposta de candidatura de nova dirección en base aos 137 nomes remitidos pola militancia desde as comarcas, conformando unha lista de 50 persoas na que as 19 primeiras integrarían a futura executiva nacional. Esta candidatura é a proposta que a dirección saínte presenta ante a Asemblea Nacional, -en cumprimento do regulamento-, aínda que o prazo de presentación para outras candidaturas está aberto até o luns 20 ás 19.00h.

A proposta de candidatura encabezada por Ana Pontón reforza a súa Executiva Nacional coa incorporación de novas persoas como Ana Miranda, Xavier Campos, Olalla Rodil, Luís Bará, Eva Vilaverde e Susana Camba. Ademais “consolida unha importante renovación xeracional”, en palabras da formación nacionalista, coa propia Pontón á cabeza: Eva Vilaverde, Xavier Campos, Olalla Rodil, Noa Presas, Olaia Ledo, Xosé Manuel Marcote, Xosé Emilio Vicente ou Rubén Cela representan unha nova xeración por debaixo dos corenta anos que se complementa co experiencia de persoas como Xosé Luis Rivas “Mini”, Goretti Sanmartin, Carme da Silva, Néstor Rego, Ana Miranda, Obdulia Diniz, Bieito Lobeira, Montse Prado, Luís Bará e Susana Camba. Tamén figura o valdeorrés Suso Vilasánchez.

A candidatura conta cunha porcentaxe moi elevada de mulleres e de responsables municipais, “xa que os gobernos locais son o escaparate da capacidade do Bloque para gobernar cun proxecto de país a favor da maioría social. Tras un intenso debate iniciado hai un ano co lanzamento do Proceso Adiante e no que teñen participado máis de 2.000 persoas entre militantes e simpatizantes, as teses políticas pasaron por un amplo debate na totalidade de comarcas do país e chegan á XV AN con consenso moi amplo das bases, sen que se tivesen formulado emendas a totalidade nin ningún voto particular aos textos”, indican dende o BNG.

A unha semana da XVI Asemblea Nacional, que se celebrará na Coruña baixo o lema En Bloque cara a un tempo novo, o BNG xa rexistrou a inscrición de 2.100 militantes e 300 simpatizantes para asistir ao que quere ser “unha asemblea de portas abertas” na que podan participar todas as persoas (on ou sen carné do Bloque), que “confían nas posibilidades de Galiza e consideran máis necesario que nunca un proxecto político de país sen dependencias”, tal e como se indica dende esta formación política.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button