DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O C.D. Barco plántalle cara ao Compostela en Calabagueiros

Co gol de Iago Beceiro os barquenses suman un importante punto ante un gran rival

De infarto. Así foron os últimos minutos do partido correspondente á xornada 30ª en terceira división disputado no campo de Calabagueiros na tarde do 19 de marzo.

Diante dunha gran entrada, con numerosos afeccionados de ámbolos dous equipos nas bancadas, ás cinco e media da tarde saltaban ao terreo de xogo os once titulares do C.D. Barco e da SD Compostela. A primeira parte do encontro, máis ben aburrida e lenta, remataba co marcador a ceros. Xa na segunda, a intensidade aumentaba por parte de ámbolos dous equipos con varios cambios nas filas do Centro de Deportes Barco e tamén no Compostela, pero non sería ata o minuto 57 cando os visitantes lograban adiantarse no marcador grazas ao gol de Diego.

Co resultado desfavorable, os de Javi Rey presionaron ata que Iago Beceiro lograba o empate cun gran gol no minto 88. A partires de aí, os barquenses loitaron por manter o resultado e conseguírono malia os últimos e intensos minutos de partido xa en tempo de desconto. O colexiado sinalaba 4 minutos pero aínda non pasara un cando pitaba falta na área visitante e o porteiro local, Vicente, recibía un golpe na cabeza. Unha vez recuperado reanudábase o xogo e malia que o árbitro tardou máis do previsto en pitar o final (polo que foi fortemente abucheado dende as bancadas barquenses), despexaban o tiro e o marcador xa non se movería.

O Barco suma así un importante punto ante un gran rival, nun partido no que os afeccionados de ámbolos dous equipos competían por animar dende as bancadas a golpe de bombo (os Ultra Sil do Barco) e pandeireta (a Peña Sequela da SD Compostela). Tamén houbo susto, xa que tralo golpe na cabeza e xa rematado o encontro, Vicente sufriu un mareo que asustou a técnicos e directivos. Finalmente saía do campo polo seu propio pé rumbo ao vestiario.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button