ConcellosÚltima hora

O Camiño de Inverno, na viaxe promocional a Bélxica

A expedición incluíu a visita ao Parlamento Europeo, á Fundación Galicia Europa, e á cidade de Namur
Expedición española do Xacobeo en Bruxelas.

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, encabezou nesta semana unha viaxe de promoción do Camiño de Santiago en Bélxica acompañado por 23 representantes de asociacións xacobeas galegas, entre elas a de Amigos do Camiño por Valdeorras coa presidenta Asunción Arias e pola Ribeira Sacra, presidida por Aida Menéndez.

Durante a viaxe, organizada no marco da conmemoración do 30º aniversario da declaración da Ruta Xacobea como Itinerario Cultural Europeo, os asociados acudiron ao Parlamento Europeo invitados polo eurodeputado Francisco Millán Mon, co-director do Intergrupo “Turismo e patrimonio cultural: o Camiño de Santiago e outros itinerarios culturais europeos”, e alí informaron aos eurodeputados da situación actual dos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago en Galicia e das accións previstas cara ao próximo Ano Santo 2021.

A viaxe incluíu a visita á Fundación Galicia Europa, e tamén á cidade de Namur onde foron recibidos polas autoridades no palacio provincial e visitaron varios enclaves locais vinculados historicamente á peregrinación a Compostela.

A xornada terminou cunha mesa redonda no Instituto Cervantes baixo o título “Reconstruír Europa a través do Camiño de Santiago” que contou coa participación de Pascal Duchene, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago belga, Luc de Bolle, presidente da Asociación Flamenca de Amigos do Camiño Santiago, Monique Walrave, membro da dirección da Asociación Holandesa de Amigos do Camiño de Santiago e Begoña Valdomar, vicepresidenta da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago.

 

Artigos relacionados

Back to top button