En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O CEIP Julio Gurriarán esixe á Xunta o pavillón prometido

O centro educativo barquense é o único de Valdeorras que non dispón desta instalación

Na tarde do 4 de maio, alumnos, profesores e pais concentrábanse na entrada do CEIP Julio Gurrirán para esixir un pavillón para o centro barquense. Baixo consignas como “se vén un ciclón non temos pavillón” ou “pavillón xa”, a comunidade educativa lideraba unha demanda que xa vén de lonxe.

O centro educativo de educación infantil e primaria é único da comarca de Valdeorras que non conta con pavillón, por iso os cativos deben saír do colexio para ir ao pavillón municipal con todos os problemas que iso implica, feitos que se puxeron en coñecemento da Xunta de Galicia no ano 2005, seguindo sen pavillón. “En todos estes anos o que houbo foi un baleiro compromiso de palabra da xefa territorial que en xuño de 2015 visitaba às presas este centro prometendo, novamente en falso, a construción do pavillón solicitado”, explicaban os promotores das mobilizacións trala concentración.

Nese momento, en representación da comunidade educativa do centro, dous pais facían públicas as demandas do centro de ensino “ante a desidia da Xunta de Galicia que dura cando menos dez anos”: unha solución de calidade e inmediata, un pavillon novo sen quitar o patio cuberto no que os cativos xogan cando fai mal tempo.

En vista das noticias feitas públicas no mes de abril pola propia Consellería de Cultura e Educacación sobre os investimentos para melloras dos centros educativos, ademais de contar co apoio do Concello do Barco, “está claro que hai dispoñibilidade económica, o que falta é vontade política”, aseguran dende o centro, adiantando que “ante o comezo das nosas mobilizacións a Xunta afirmou que comezará en breve a actuar pero, segundo os nosos cálculos consideramos que é imposible que comecen as obras este verán. “Xa estamos fartos de esperar unha solución. Queremos obras e loitaremos ata o final” din, adiantando que “a comunidade educativa manterá de forma constante as súas reivindicacións públicas ata conseguir un compromiso serio e por escrito ás nosas demandas”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button