En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O CEIP Julio Gurriarán reclama a construción do pavillón “nunha única fase”

A comunidade educativa do centro barquense continúa coas mobilizacións para esixir á Consellería que se faga cargo da obra

“Os do Gurriarán, tamén deporte fan”; “catro paredes non son un pavillón”; “todos os coles do Barco teñen pavillón, o Julio Gurrirán non, non, non ” e sobre todo “queremos pavillón”. Son as frases que alumnos, profesores e pais coreaban no mediodía do mércores 21 de setembro na concentración que poñía o punto e seguido ás mobilizacións para esixir á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a construción do pavillón prometido.

Con este encontro no patio do centro escolar á saída das clases, continuaba a loita comezada no mes de maio “dado que non temos notificación oficial por parte da Consellería de que se vai construír o pavillón”, aseguraba o representante da ANPA, engadindo que as únicas noticias que tiveron foi polos medios de comunicación.

Entre os actos reivindicativos levados a cabo pola comunidade educativa do colexio, están as concentracións e tamén escritos e sinaturas remitidos tanto ao presidente da Xunta como ao conselleiro e mesmo á delegada territorial de Educación, “sen notificación de ningún tipo pola súa parte”, din. O que si fixeron dende a Consellería foi remitir ao Concello un proxecto do pavillón “no que propoñían a construción en dúas fases: na primeira simplemente porían o tellado e a estrutura, e na segunda o pavimento, vestiarios, electricidade, calefaccón,… é dicir a parte mais importante. O que quería construírnos o conselleiro é un almacén na primeira fase e para a segunda, na que sería completado coas infraestruturas necesarias para poder utilizalo, que  poña o Concello os cartos e que o faga cando o considere oportuno”, din dende o centro,  algo co que están totalmente en desacordo porque consideran que “é a Consellería quen debe facerse cargo da maior parte, coa colaboración do Concello sempre e cando poda utilizalo fóra das horas lectivas”.

Pola prensa, os responsables do centro educativo enterábanse de que en plena campaña electoral, o conselleiro comunicaba que se ía construír o pavillón “pero que somentes había unha aportacion de 198.000 euros por parte da Consellería e 150.000 por parte do Concello, sendo o presuposto total que remitira de 630.000 euros. Co cal construirían un almacén, unha estrutura infrautilizada porque así non se pode utilizar para facer educación física”. Por iso anuncian que seguirán loitando para “esixirlle á Consellería, que oficialmente se comprometa a construír o pavillón nunha única fase, con toda a infraestrutura necesaria”. Facíano no acto que contou co apoio do Concello do Barco de Valdeorras con varios concelleiros presentes e tamén do BNG que se “solidariza con esta xusta reivindicación e esixe ao Goberno do señor Feijóo que atenda a demanda da comunidade educativa do CEIP Julio Gurriarán do Barco”.

Fotos: Mónica G. Bellver, menos a sétima foto da galería que é cedida.

Artigos relacionados

Back to top button