En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O CEIP Julio Gurriarán reivindica o pavillón coa festa de Entroido centrada no deporte

Deportistas valdeorreses acompañaron aos alumnos no patio do centro barquense

Participar na festa de Entroido do centro e seguir reivindicando o pavillón prometido, eran dúas das actividades que a nova directiva da ANPA Aturuxo aseguraba que levaría a cabo neste curso escolar. E na mañá do 24 de febreiro, en pleno Entroido, cumprían os dous obxectivos nunha mesma xornada, aproveitando a festa no colexio para seguir reclamando a instalación que cada vez é máis urxente.

E facíano da mellor forma posible, centrando a celebración, no deporte sobre o que xiraron os disfraces que lucían cativos, profesores e pais (animadoras, xogadores de rugbi, bailarinas, tenistas,…). A xornada do venres comezaba cunha andaina solidaria e xa en torno ao mediodía recibían a visita de varios deportistas valdeorreses, karatekas e membros do ADAS-Proinor como Nicolás Rodríguez, Pablo Rodríguez ou Grit Hagen, que compartiron unhas palabras con todos os presentes, explicamdo a importancia dun pavillón nun centro educativo.

No acto reivindicativo tamén interviñeron membros da ANPA e do Consello Escolar, así como a directora do centro, todos coa mesma idea: conseguir dunha vez por todo o prezado pavillón. “Malia levar feitas varias mobilizacións, dende a Consellería nin sequera nos contestan aos escritos para reunirnos co conselleiro”, explicaron dende o Consello Escolar. Ante esta pasividade aseguraron estar pensando en tomar “medidas máis drásticas, mesmo levar autobuses ata diante da consellería para conseguir que polo menos nos atendan”. A presidenta da ANPA pola súa banda asegurou estar “no lugar no que queremos que se faga o pavillón para poder celebrar festas como esta sen ter que estar baixo o sol ou mollarnos cando chove, e poder practicar unha Educación Física de calidade”.

A festa incluía o sorteo dunha bicicleta e unha chocolatada con doces típicos do Entroido.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button