Monográfico Entroido 2012Monográficos

O centro da festa

O Luns Borralleiro (20 de febreiro), a praza da Picota acollerá á comitiva encabezada pola Morena
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

O Xoves de Comadres (16 de febreiro) é a primeira gran cita da festa. Xa pola tarde, a partires das 14:30h. sairá o folión dos nenos/as do CEIP O Castiñeiro, pero non será ata a noite cando o pobo sexa tomado polas mulleres, que primeiro sairán de cea e despois desfrutarán da verbena ata altas horas da madrugada coa actuación do grupo Limón.

Ao día seguinte venres 17 de febreiro pola tarde, haberá degustación de bica branca, xastré e licor de café, que servirá de aperitivo para a Festa Gastronómica da Cachucha que este ano chegará á VI edición. A partires das 21:30h. e por 17 euros que custa a entrada, os asistentes poderán degustar unha cea a base de carne de porco e doces que se servirá no pavillón de deportes. Ao remate da cea, sairá o coñecido entre os lazanos como “O Gran Folión”.

Para participar, a xente reúnese no Toural con chocos, viño e fachóns e inicia o percorrido ao longo das rúas de Cimadevila, o Castiñeiro, Barrio e a Roda. Unha vez na Cerdeiriña todos xuntos seguirán cara a Picota e Souteliño acompañados polo son do Folión de Carracedo.

O sábado 18 de febreiro coñecido en Laza como das Cabritadas, ten lugar pola tarde na praza da Picota a “fariñada”, unha batalla campal na que os ousados participantes se botan puñados de fariña os uns aos outros, tinguindo de branco todo o que por alí hai. A charanga Troulada será a encargada de animar o ambiente e xa pola noite, os amigos reuniranse en grupos para degustar o exquisito cabrito, ao espeto, á brasa ou ao forno. A música correrá a cargo do grupo Chicas Show que tocará ata altas horas da madrugada.

Coa chegada da alba, comezará un dos días máis importantes para todo aquel que se sinte Peliqueiro. O Domingo de Estrea, 19 de febreiro, será cando os mozos que corrían a comezos de ano polas rúas cos chocos e coa zamarra para exercitar tanto a forma física como as novas posturas imitando aos máis veteranos, vistan ese día o traxe, converténdose nos reis do Entroido en Laza.

Xa pola mañá, á saída da misa, a xente ateigará a praza da Picota, preparada para recibir e saudar aos “amos do Entroido” que chegarán correndo, facéndose notar e demostrando que por algo son os protagonistas do día. Tralos saúdos entre as máscaras que se colocarán en perfecto orde en dúas rengleiras e o público, comezarase co reparto de bica branca entre os propios Peliqueiros e o resto de asistentes, mentres as charangas Monterrey e Troulada lle poñen música ao acto.

De tarde terá lugar o desfile de carrozas típicas polas rúas do pobo acompañadas polas charangas, mentres que o baile e a verbena correrán a cargo da orquestra Oeste e o grupo Océano.

O Luns de Entroido (20 de febreiro), máis coñecido como Borralleiro é un dos días máis animados e divertidos destas datas nas terras lazanas. Turistas e forasteiros aproveitan este día para achegarse ata Laza e ser testemuños da “farrapada” .

Pasado o mediodía, a praza da Picota vaise convertendo en lugar de reunión para todo aquel que espera o comezo dun dos acontecementos con máis sona no Entroido de Laza, que chegou a traspasar as fronteiras galegas: as formigas e a baixada da Morena dende Cimadevila.

Texto: Mónica G. Bellver/Ourense Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Especial Entroido de O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button