SanidadeÚltima hora

O CHUO acolle unha xornada formativa de cirurxía para patoloxías do solo pélvico

 

Manuel García,Dionisio López Bellido, e Alberto Parajó.

O vindeiro martes, 25 de abril, o CHUO converterase nun punto de referencia dos especialista de coloproctoloxía a nivel nacional, coa celebración da sétima edición da Xornada de Cirurxía Coloproctolóxica en Directo, organizada por esta unidade do Servizo de Cirurxía, e que este ano adicarase a abordar as máis modernas técnicas cirúrxicas aplicables ás patoloxías do solo pélvico e, en especial, ao recto.

Segundo dixo o doutor Alberto Parajó, organizador desta xornada, o primeiro beneficiado deste evento “será o paciente”. Parajó contou que o esforzo que supón presentar estas técnicas é o proceso previo de aprendizaxe e incorporación de tecnoloxías, “supón unha necesidade de posta ao día permanente, pero é un estímulo máis”, asegurou.

Nesta sétima edición da xornada, realizaranse oito intervencións cirúrxicas nos dous quirófanos integrados do CHUO. É dicir, que a intervención será retransmitida en directo, imaxe e son, á sala de docencia do Complexo. Na sesión da tarde, afondarán en dúas mesas redondas, no marco teórico das distintas técnicas, indicacións e resultados, facendo especial fincapé na importancia da indicación cirúrxica, selección de pacientes e técnicas. Asemade, contarán coa participación, como relator nun relatorio, do xefe de servizo de Cirurxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Enrique Casal.

Alberto Parajó salientou que dende o CHUO ofrecen un formato “bastante único e pouco estendido”, cunha sala dotada de grande tecnoloxía. E reiterou que teñen moitos doutores que veñen de diversos puntos de España, “e algúns son fieis a esta cita e veñen cada ano”, apuntou.

Artigos relacionados

Back to top button